- O seu obxectivo é promover a valorización da materia orgánica en orixe e lograr con isto importantes beneficios ambientais e sociais.
- A autoxestión dos residuos orgánicos permite diminuír a cantidade de lixo a depositar no contedor verde convencional, co conseguinte aforro de custos.
Cerceda, a 22 de novembro de 2021.- O Concello de Ferrol adheriuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de poñer en valor a materia orgánica a través da súa conversión en abono e evitar desta forma o seu depósito no contedor verde xenérico.
Nunha primeira fase, darase cobertura a 50 vivendas, que en todo caso deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo de aproveitamento da materia orgánica, que regresa á terra en forma de fertilizante natural. Este abono, non só achega nutrientes ao solo, senón que mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Dado que a materia orgánica representa o 42% dunha bolsa de lixo común, se se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor da fracción resto, contribuíndo a reducir as emisións de CO2 á atmosfera, xa que diminúe a frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais, á vez que se aforran custos, xa que se envía menos refugallos a planta para o seu tratamento final.
Xunto con cada composteiro, con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, entregarase aos participantes manuais didácticos de consulta, detallando nos mesmos o proceso para seguir, a técnica a aplicar e o control de parámetros esenciais para obter un compost de alta calidade: osíxeno, temperatura e humidade.
Adicionalmente, e en datas a acordar polas partes, técnicos de Sogama impartirán sesións formativas a fin de que os usuarios teñan a oportunidade de complementar os seus coñecementos neste ámbito e consultar as súas dúbidas. Con todo, teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, a través do cal poderán acceder a recursos divulgativos tales como vídeos e xogos, entre outros.
En todo caso, trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente, sendo o composteiro un elemento de gran axuda.
Sogama xa subministrou ao ente local os composteiros e os manuais didácticos, ademais de impartir a formación. E todo isto con carácter gratuíto. Pola súa banda, o concello deberá realizar un seguimento desta iniciativa para comprobar a súa acollida e interese por parte da veciñanza, potencialidades do programa e tamén limitacións. O obxectivo último é que a compostaxe vaia calando na poboación ferrolá e a valorización da materia orgánica se incorpore aos hábitos diarios dos cidadáns, xa que a separación da mesma a través do quinto contedor, de cor marrón, debe ser unha realidade nos concellos, que son quen ten a competencia en materia de residuos, antes do 31 de decembro de 2023.
Saúdos, Departamento de Comunicación