- A súa tripulación é aliada da campaña Mares Limpos do PNUMA, cuxo obxecto é alentar aos gobernos, ao sector privado e á sociedade civil a reducir drásticamente o consumo de plásticos desbotables e avanzar cara á circularidade.
- Kenia é un dos países de África que, nos últimos anos, intensificou a súa loita contra os residuos plásticos. Non obstante, continúan sendo un problema de contaminación e ameazan o sustento de máis de 40 millóns de persoas, a saúde de poboación e o medio natural.
Cerceda, a 1 de outubro de 2020.- O Flipflopi, unha embarcación de 10 metros de longo e 7 toneladas, fabricouse na súa totalidade con residuos plásticos recollidos nas praias de Kenia a fin de divulgar os principios da reciclaxe e a necesidade de poñer coto aos plásticos de usar e tirar.
As partes máis grandes, a quilla, as nervaduras e outros elementos estructurais, construíronse nunha fábrica de reciclaxe ao sur de Lamu a partir de refugallos plásticos, incluídos contedores, bolsas e ata botellas vellas de champú, que se comprimiron en moldes de aceiro. Os taboleiros fabricáronse con máis plástico reciclado e ao redor de 30.000 sandalias plásticas abandonadas foron utilizadas para revestir o casco.
A principios deste ano viaxou máis de 500 quilómetros polas costas de Kenia e Tanzania, facendo escalas en case media ducia de portos. A súa tripulación é aliada da campaña “Mares Limpos” do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), que ten como obxectivo alentar aos gobernos, ao sector privado e á sociedade civil a reducir drásticamente o consumo de plásticos desbotables e avanzar cara ácircularidade.
Tralo seu exitoso viaxe inaugural, o Flipflopi aborda agora outra expedición, esta vez ao redor do lago Vitoria, o máis grande de África.
A CONTAMINACIÓN POR PLÁSTICOS, UNHA SERIA AMEAZA
Kenia é un dos países de África que, nos últimos anos, intensificou a súa loita contra os residuos plásticos. O mes pasado cumpríronse tres anos da estrita prohibición de bolsas de plástico dun só uso e, en xuño de 2020, seguindo unha directiva presidencial, prohibiu outros plásticos, desde botellas de auga ata cubertos desbotables, en parques nacionais, praias, bosques e áreas de conservación.
Non obstante, e malia estas medidas, a contaminación por plásticos continúa a ser un problema importante neste país, tanto na costa como no lago Vitoria. Este lago, que ten costas en tres países –Kenia, Tanzania e Uganda–, é a fonte de sustento de máis de 40 millóns de persoas. A mala xestión de residuos e a contaminación son presións crecentes que afectaron a saúde das comunidades e ao propio medio natural.
Durante os próximos meses, animarase á poboación local a visitar o barco, coñecer os obxectivos da nova viaxe e descubrir como se construíu este veleiro de plástico.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente