- Hoxe celébrase o Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento co fin de poñer de relevo o importante papel que esta desempeña na creación de sociedades máis sostibles
Cerceda, a 10 de novembro de 2023.- O potencial da ciencia para mellorar o noso mundo é innegable. No Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, que se celebra hoxe, ademais de reforzar as conexións entre ciencia e sociedade e informar sobre os avances científicos, promovendo sociedades máis sostibles, este ano pretende "Crear confianza na ciencia" e favorecer a comprensión sobre a fraxilidade do planeta no que vivimos.
A ciencia é a ferramenta que o ser humano creou para comprender o mundo que o rodea e para aplicar eses coñecementos no seu beneficio, e os avances científicos permítennos achar solucións aos novos desafíos económicos, sociais e ambientais cos que construír un futuro sostible.
Así mesmo, a ciencia desempeña un papel na construción da paz ao fomentar a cooperación internacional para alcanzar o desenvolvemento sostible. Por tanto, achegar a ciencia á sociedade é fundamental para que os individuos teñan os coñecementos necesarios e, desta forma, poidan elixir as súas opcións profesionais, persoais e políticas.
Antecedentes
O Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento é un evento anual que se celebra en todo o mundo desde o ano 2002 para lembrar o compromiso asumido na Conferencia Mundial sobre a Ciencia, que se celebrou en Budapest en 1999, baixo o auspicio da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) e o Consello Internacional para a Ciencia (CIC).
O seu propósito é renovar o compromiso, tanto a nivel nacional como internacional, en favor da ciencia para a paz e o desenvolvemento, e facer fincapé no uso responsable da mesma para o beneficio das sociedades, en particular, para a erradicación da pobreza.
Esta efeméride tamén ten por obxecto lograr unha maior concienciación na opinión pública sobre a importancia da ciencia e colmar a brecha existente entre esta e a sociedade.
Fonte e imaxe: ONU