- Sogama recorda a todos os interesados que, na súa páxina web, teñen a oportunidade de acceder a contidos online para complementar os seus coñecementos neste ámbito.
- O curso, conformado por dez temas, aborda distintas cuestións tales como o vertido técnico cero, a construción dunha sociedade europea do reciclado, o ecodeseño, o ACV, o criterio multierre e a economía circular.
Cerceda, a 4 de maio de 2020.- Sogama recorda a todos os interesados que teñen á súa disposición contidos online sobre compostaxe e xestión sostible de residuos urbanos producidos por esta entidade pública no marco do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res2ValHum, no que participa en calidade de socio. http://www.sogama.gal/é/proxecto/res2valhum
ALCANCE
A través de dez temas poderán complementar os seus coñecementos nesta área, xa que se abordan cuestións tales como a problemática representada pola alta xeración de residuos nas sociedades modernas e a necesidade de avanzar cara ao vertido cero como garantía de protección ambiental, benestar e calidade de vida. Así mesmo, faise fincapé na importancia que ten contribuír, desde a responsabilidade compartida, á construción dunha sociedade europea do reciclado capaz de preservar os xa escasos e limitados recursos naturais e xerar emprego verde de calidade.
Profundízase igualmente no marco normativo de referencia (tanto a nivel europeo como estatal e autonómico) e abórdanse os pormenores do modelo Sogama, cuxo complexo medioambiental, sito en Cerceda (A Coruña), eríxese hoxe no máis moderno e eficiente de Europa.
O paquete europeo de economía circular cobra especial protagonismo, toda vez que establece as medidas para maximizar o aproveitamento dos produtos e transformar os residuos en recursos, pechando o círculo da súa recuperación. Así, abórdanse conceptos tales como o ecodeseño, a análise do ciclo de vida (ACV) e o criterio Multi-Erre, co que se pretende superar os tradicionais tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) e engadir outras fases tales como repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuir e recuperar enerxeticamente a fracción non reciclable, evitando o seu vertido.
Igualmente, desgránase o proceso e características da compostaxe, así como as súas modalidades (industrial, doméstica e vermicompostaxe), enxalzando a importancia de avanzar cara a obtención dun compost de calidade cuxas aplicacións vaian máis aló da súa utilización como fertilizante biolóxico de alta calidade e remediación de solos contaminados.
MARCO
Enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o proxecto Res2ValHum está liderado pola Universidade do Minho e conta coa participación de distintos socios portugueses (CVR, BRAVAL e LIPOR, ademais doutros galegos (SOGAMA, CVAN e a USC).
http://www.sogama.gal/es/proyecto/res2valhum
Saúdos, Departamento de Comunicación