- Coa axuda de recursos de apoio tales como presentacións dinámicas, vídeos e xogos, os educadores de Sogama trasladarán aos pequenos deste concello coruñés dúas cuestións fundamentais: a problemática que entraña a alta xeración de residuos e as fórmulas coas que conta o cidadán para facer fronte á mesma.
- Tamén darán conta das novidades vinculadas á actividade industrial desta empresa pública, que xa conta cunha nova planta para a recuperación de materiais contidos na bolsa negra que axudará en boa medida a incrementar as taxas de reciclado e chegar ao vertido técnico cero en 2020.
- Abordaranse igualmente outras cuestións de interese e de plena actualidade tales como a contaminación por plásticos, o desperdicio alimentario e a compostaxe doméstica.
Cerceda, a 13 de marzo de 2019.- Os educadores de Sogama teñen mañá unha nova cita formativa. Desprazaranse ao concello coruñés de Oza-Cesuras, concretamente ao CEIP Plurilingüe Bragade, para impartir unha clase teórico-práctica orientada a un grupo de alumnos/as de Educación Primaria.
Coa axuda de recursos de apoio tales como presentacións dinámicas, vídeos e xogos, trasladarán aos pequenos dúas cuestións fundamentais: a problemática que entraña a alta xeración de residuos e as fórmulas coas que conta o cidadán para facer fronte á mesma.
O punto de referencia será en todo momento o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), fundamental para que o cidadán poida colaborar no sistema. Así, explicarase a importancia de consumir de forma responsable, de adquirir só o necesario, de aproveitar os produtos ata esgotar a súa vida útil e de seleccionalos por tipoloxías, unha vez convertidos por residuos, a fin de introducilos no contedor correspondente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e contedor verde convencional, para a fracción resto. Sen esquecer que existen recipientes específicos para pilas e, por suposto, os denominados puntos limpos municipais, aos que os cidadáns deben trasladar aqueles residuos de carácter especial para os que non existen contedores nas vías públicas. É o caso dos fluorescentes, pinturas, aparellos eléctricos e electrónicos, voluminosos, etc.
Os monitores explicarán a actividade industrial de Sogama, orientada cara á promoción dos tres erres, que a empresa complementa cun cuarto erre, o da recuperación enerxética da parte non reciclable.
Neste sentido, darase conta das últimas novidades ao respecto, xa que a compañía puxo en marcha unha nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa que xa lle permite separar ata 11 tipoloxías de refugallos, posibilitando así o seu posterior reciclado.
Esta instalación, exemplo de innovación tecnolóxica, contribuirá en gran medida a que Sogama multiplique por catro a súa achega á reciclaxe e diminúa o uso do vertedoiro, prevendo chegar en 2020 ao vertido técnico cero, é dicir, o 10%, porcentaxe que comprenderá unicamente aqueles refugallos que, dadas as súas características, non se poidan reciclar nin valorizar enerxeticamente.
PLÁSTICOS E ALIMENTOS
Así mesmo, os monitores abordarán outras informacións de interese e de actualidade tales como a contaminación por plásticos, animando aos escolares a rexeitar os plásticos dun só uso tales como as habituais pajitas; o desperdicio alimentario, toda vez que no mundo se refuga un terzo dos alimentos que se cultivan para o consumo humano; e a importancia que ten reciclar a materia orgánica en orixe, representando a compostaxe doméstica unha magnífica opción para aquelas vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Incidirase así na necesidade de apostar pola cultura do máximo aproveitamento e a máxima eficiencia para producir menos residuos e poñelos en valor a través da reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación