- Son 30 en total, a entregar a outras tantas vivendas unifamiliares que conten con terreo no que aplicar o compost.
- Tendo en conta subministracións anteriores realizadas por esta empresa pública, xa son 152 as familias que, de forma voluntaria, participan nesta iniciativa.
- Os composteiros serán recollidos polos veciños participantes entre hoxe e o vindeiro luns no CENIMA (Oficina de Medio Ambiente) de Foz.
Cerceda, a 24 de xullo de 2020.- Entre hoxe e o vindeiro luns, o concello de Foz (Lugo), adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, procederá ao reparto da última partida de composteiros (30 en total) subministrada por esta empresa pública. Sumada a outras anteriores, fan un total de 152 os fogares que, de forma voluntaria, participan nesta iniciativa.
Con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, estes recipientes propician que o proceso de autocompostaxe se leve a cabo de forma máis cómoda e hixiénica. Condición indispensable para participar nesta experiencia é que as vivendas sexan unifamiliares e dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost, pechando así o ciclo de recuperación da materia orgánica.
Os composteiros serán recollidos polos veciños no CENIMA (Oficina de Medio Ambiente), onde tamén recibirán manuais didácticos nos que se explica de forma pormenorizada os pasos a seguir para obter un abono de calidade: desde a propia ubicación do recipiente, que debe estar nunha zona sombreada e protexida, e en contacto coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que poden e non poden depositarse no mesmo, así como o control de parámetros de gran relevancia como son o osíxeno, a temperatura e a humidade e aplicación do compost resultante.
A correcta selección de materiais en orixe resulta esencial para obter un abono de alta calidade e que cumpra con todos os requisitos impostos pola normativa vixente para que poida ser utilizado na agricultura con garantías e sen restricións.
A aposta pola compostaxe doméstica trae consigo importantes beneficios ambientais e económicos, xa que, ao reciclarse a materia orgánica en orixe, que vén a representar en torno ao 42% da composición dunha bolsa de lixo tipo, deposítanse menos residuos no contedor xenérico, o que implica menos transporte e unha redución de custos de xestión.
A día de hoxe, 74 entidades lucenses están incorporadas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama (41 concellos, 26 centros educativos e 7 colectivos sociais), tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuita, máis de 3.000 composteiros
Saúdos, Departamento de Comunicación
Imaxe: Pixabay