- Iniciarase nesta práctica con 25 vivendas unifamiliares ás que esta empresa pública subministrará os medios materiais e didácticos necesarios.
- Impartirá tamén un curso de formación presencial dirixido aos veciños adscritos a esta iniciativa.
- O obxectivo final do ente local é que a autocompostaxe constitúa unha vía efectiva coa que reciclar a materia orgánica en orixe e alcanzar coa mesma importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cerceda, a 20 de marzo de 2019.- O concello coruñés de Frades decidiu adherirse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co fin de propiciar a recuperación da materia orgánica en orixe. Un total de 25 vivendas unifamiliares deste municipio, que dispoñan de terreo (xardín ou horta) no que aplicar o compost resultante, formarán parte desta iniciativa.
Sogama dotará ao concello con 25 composteiros (de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables), que serán subministrados nos fogares participantes, así como outros tantos manuais didácticos a entregar aos usuarios finais. Trátase dunhas guías de apoio para que os veciños poidan coñecer con máis precisión a técnica e solventen a través das mesmas as dúbidas máis frecuentes.
Técnicos ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente tamén impartirán un curso de formación presencial para explicar con máis detalle o alcance da autocompostaxe e clarificar aspectos de gran relevancia para un resultado de calidade: onde ubicar o composteiro, que materiais deben e non deben ser depositados no mesmo, importancia de controlar parámetros esenciais tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, e como utilizar o compost resultante.
Así mesmo, os interesados teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, na que poderán atopar toda a información ao respecto, e mesmo recursos de interese (vídeos e xogos) para profundar na técnica e os seus beneficios.
BENEFICIOS
Neste sentido, non debe esquecerse que a compostaxe doméstica trae consigo importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais.
Dado que a materia orgánica representa o 42% dunha bolsa de lixo tipo, ao recuperala no propio fogar, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando desta forma que os servizos municipais poidan minorar a frecuencia de recollida e transporte dos residuos e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera.
Desde a dimensión económica, sinalar que se os concellos entregan menos residuos a Sogama para o seu tratamento, o importe da factura a pagar a esta empresa pública tamén será menor.
E, desde a social, a súa importancia reside en que se recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, coa particularidade de que, ao reciclar a materia orgánica en orixe, materiais como envases e papel/cartón poden almacenarse varios días nas casas sen risco de cheiros, diminuíndo deste xeito os desprazamentos que deben realizarse aos contedores de recollida selectiva.
Saúdos, Departamento de Comunicación