- O documento é o resultado dun Grupo de Traballo, formado en abril de 2021, co obxectivo de debater sobre como a reparación dos produtos pode contribuír a impulsar un novo modelo de produción e consumo máis sostible.
Cerceda, a 18 de marzo de 2022.- “Dereito a reparar: construíndo unha economía circular” é o título dun documento publicado pola Fundación Cotec para a innovación no que se recollen dez medidas orientadas a impulsar a reparación e a reutilización en España. Entre as mesmas atópanse estender a etiquetaxe de reparación a dispositivos non tecnolóxicos; aplicar incentivos fiscais ás empresas baseadas nun modelo circular; crear un clúster público-privado para compartir boas prácticas; así como un pasaporte electrónico para trazar a durabilidade e reparabilidade dos produtos.
O documento é o resultado dun Grupo de Traballo de Cotec, que se formou en abril de 2021, co obxectivo de reflexionar sobre os retos e necesidades para implantar un modelo de economía circular en España e, concretamente, debater sobre como a reparación dos produtos pode contribuír a impulsar ese novo modelo de produción e consumo máis sostible.
Baixo a coordinación da compañía Exxita Be Circular, participaron neste grupo de traballo un total de setenta expertos, en representación de máis de corenta organizacións Membros de Cotec, tanto do sector privado como da Administración. Entre as entidades participantes atópase a Axencia Galega de Innovación.
Se ben, a nivel europeo, establecéronse algúns avances normativos sobre a reparación de dispositivos eléctricos e electrónicos (por exemplo, a obriga de almacenar pezas de reparación de calquera dispositivo electrónico alomenos durante dez anos desde a súa compra; fabricar os dispositivos de maneira que poidan ser facilmente desmontables e incluír un manual de reparación en cada un; e informar o consumidor sobre a súa durabilidade), o certo é que estas medidas teñen un alcance limitado porque, de momento, só afectan ao gran e pequeno electrodoméstico, e a súa aplicación en cada país é desigual, a falta de crear un estándar comunitario.
SOBRE A FUNDACIÓN COTEC
Trátase dunha organización privada sen ánimo de lucro cuxa misión é promover a innovación como motor de desenvolvemento económico e social.
Conta con preto de 90 patróns, entre empresas privadas e administracións dos ámbitos rexional e local. S.M. o Rey Felipe VI é o Presidente de Honra.
Desde 2001 existe ademais Cotec Italia, e desde 2003, Cotec Portugal, que confiren un carácter internacional ao impulso á innovación que promove Cotec.
Fonte e imaxe: Fundación Cotec