- Convértese así no único SCRAP de España en superar as 100.000 toneladas anuais de RAEE correctamente xestionados durante cinco exercicios consecutivos.
- Cada ano xéranse preto de 50 millóns de toneladas de RAEE no mundo, sendo o tipo de refugallo que máis aumenta debido, entre outras razóns, ao consumo masivo de aparellos eléctricos e electrónicos, a dixitalización e os avances tecnolóxicos.
Cerceda, a 7 de febreiro de 2022.- A Fundación Ecolec xestionou o pasado ano 124.762 toneladas de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), incrementando nun 8% a cifra alcanzada en 2020 (115.767 toneladas).
Desta forma, Ecolec convértese no único sistema colectivo de responsabilidade ampliada do produtor (SCRAP) de España en superar as 100.000 toneladas anuais de RAEE correctamente xestionados durante cinco exercicios consecutivos.
O seu director xeral, Luís Moreno, quixo destacar que “en 2021 alcanzamos a nosa previsión anual de cantidades xestionadas… Este 8% de incremento con respecto ao ano 2020 ten un enorme significado, xa que demostra que a cidadanía segue aumentando o seu nivel de concienciación respecto do coidado do Medio Ambiente a través de reciclaxe. Este labor é o que tratamos de abordar durante o ano con todas as iniciativas que realizamos e que contan cunha enorme acollida”.
A RECICLAXE DE RAEE, UNHA PRIORIDADE
Cada ano xéranse preto de 50 millóns de toneladas de residuos electrónicos no mundo, sendo o tipo de refugallo que máis aumenta debido, entre outras razóns, ao consumo masivo de aparellos eléctricos e electrónicos, a dixitalización e os avances tecnolóxicos.
Segundo E- Waste Monitor 2020, estímase que en 2050 poderían producirse 100 millóns de toneladas destes residuos, sendo a súa taxa de reciclaxe inferior ao 20% na actualidade.
Neste sentido, Moreno subliñou que “Hai moitas evidencias que demostra que a reciclaxe dos nosos RAEE é esencial. Por exemplo, un frigorífico mal reciclado emite á atmosfera gases de efecto invernadoiro equivalentes ás emisións dun coche en 15.000 quilómetros”.
Ademais, fixo especial fincapé en que “As consecuencias de non reciclar correctamente os nosos aparellos electrónicos cando deixan de funcionar agrávanse naqueles puntos do Planeta onde a extracción de materias primas para fabricar estes produtos produce graves impactos sociais e ambientais”.
Todos os dispositivos eléctricos que se usan no día a día poden ter unha segunda vida se se reciclan correctamente. Cada usuario convértese no actor principal dun proceso no que se pode dar un final apropiado que, por unha banda, ofreza a posibilidade da súa reutilización e, por outra, axude a unha desmontaxe e unha descontaminación sostible, responsable e respectuosa co medio ambiente.
Fonte: Ecolec
Imaxe: Pexels