- É esencial que o consumidor teña en conta que, se vai cambiar o seu electrodoméstico por un novo, o vendedor ten a obrigación de retirar o antigo de forma totalmente gratuíta, así como de realizar unha xestión correcta do residuo, tanto se a compra se fai tanto en tendas de electrodomésticos como vía en liña
Cerceda, a 8 de xaneiro de 2024.- Como cada ano, os dispositivos electrónicos son un dos agasallos estrela en Nadal e Reis, polo que, ante o crecemento de vendas de aparellos eléctricos e electrónicos, a Fundación Ecolec reivindica a reciclaxe responsable daqueles que finalizaron a súa vida útil e que se converteron en RAEE.
“O Nadal é un dos períodos do ano no que se incrementa a compra de dispositivos electrónicos como móbiles, computadores, tablets… e ata xoguetes para os máis pequenos da casa que necesitan baterías, pilas ou enchufarse para poder funcionar axeitadamente”, explicou Luis Moreno, director xeral de Fundación ECOLEC, quen subliñou a importancia da correcta reciclaxe dos aparellos que “teñamos na casa e xa finalizasen a súa vida útil” co obxectivo de que estes residuos “non acaben nun vertedoiro e contaminen o medio ambiente”. E puxo como exemplo a batería dun só teléfono móbil -un dos aparellos que máis se vende en Nadal- que pode contaminar ata 600.000 litros de auga.
Coa reciclaxe responsable dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos contribúese á Economía Circular grazas á reutilización de materiais cos que se producen novos dispositivos nun futuro. Concretamente, e grazas á correcta xestión de RAEE, a Fundación Ecolec recuperou durante 2022 máis de 10.300 toneladas de materiais procedentes de pequenos aparellos – sen ningunha dimensión exterior superior a 50 centímetros: electrodomésticos, aparellos de consumo, luminarias …- e preto de 400 toneladas de materiais procedentes de residuos de equipos de informática e telecomunicacións pequenos -inferiores a 50 centímetros como móbiles ou tablets – . Os materiais que se recuperan van desde metais como o aluminio, o ferro ou o cobre, ata outros coma o plástico.
É esencial que o consumidor teña en conta que, se vai cambiar o seu electrodoméstico por un novo, o vendedor ten a obriga de retirar o antigo de forma totalmente gratuíta. Ademais, debe realizar unha xestión correcta do residuo, tanto se a compra se fai tanto en tendas de electrodomésticos como vía en liña.
Neste sentido e, dado que, ano tras ano, as compras por Internet aumentan, a Fundación Ecolec aconsella que o usuario revise no momento da compra toda a información en relación coa correcta xestión como residuo dos aparellos substituídos. Así, favorécense os dereitos do consumidor e promóvese un consumo responsable e sostible.
Os RAEE de pequenas dimensións pódense levar a calquera establecemento dentro do programa #GreenShop, iniciativa posta en marcha por Ecolec á que xa se adheriron máis de 1.000 comercios en toda España. Trátase de tendas que están comprometidas cunha xestión ambiental responsable dos residuos derivados da actividade comercial.
Sobre a Fundación Ecolec
A Fundación Ecolec é unha organización sen ánimo de lucro que nace co obxectivo de organizar de forma eficiente a recollida, o tratamento, a valorización e a eliminación dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). É, desde 2017, o único sistema colectivo de responsabilidade ampliada do produtor de aparellos eléctricos e electrónicos (AEE) en xestionar máis de 100 millóns de quilogramos de RAEE ao ano.
Fonte: Ecolec
Imaxe: Pexels