
- O acto terá lugar o próximo 13 de marzo, en Madrid, e no mesmo daranse a coñecer os pormenores deste estudo, cuxa pretensión é cuantificar a contribución das actividades de xestión de residuos á economía española e identificar as principais áreas de desenvolvemento
Cerceda, ao 25 de febreiro de 2025.- O próximo 13 de marzo, a Fundación Fórum Ambiental presenta en Madrid, concretamente na sede de Caixa Fórum, un informe que, baixo o título “Potencial económico do sector da xestión dos residuos en España”, pretende cuantificar e arroxar luz, con datos e cifras, sobre a contribución das actividades de xestión de residuos á economía española, así como identificar o potencial e as principais áreas de desenvolvemento económico deste sector durante os próximos anos.
O acto inaugural correrá a cargo do presidente da Fundación Fórum Ambiental, Ramón Roca, e contará coa presenza do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán. De seguido, o director da Fundación, Leandro Barquín, será o encargado de dar a coñecer os pormenores do informe, que, posteriormente, serán debullados en dúas mesas redondas nas que se abordará, por unha banda, o compromiso, a creación de valor e a importancia do sector dos residuos en España e, por outra, a innovación, as tecnoloxías e o futuro da xestión dos residuos. Para isto contarase coas achegas de representantes de entidades tales como FCC, GBI PAPREC, PreZero, Grupo Griñó, Terberg Internacional, Urbaser e Valoriza.
A clausura da xornada correrá a cargo do ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu.
Máis información: https://www.forumambiental.org/es/presentacion-informe-o-potencial-economico-do-sector-de-a-gestion-de-os-residuos-en-espana/
Sobre a Fundación Fórum Ambiental
Trátase dunha entidade sen ánimo de lucro que traballa na cultura da sostibilidade fomentando a colaboración entre a administración pública e a empresa privada co fin de promover a economía circular e avanzar cara a unha xestión ambiental que achegue maior valor para a sociedade.
A actividade da Fundación canalízase a través de proxectos colaborativos, procesos de diálogo, xornadas de traballo e/ou divulgativas, xa sexan de iniciativa propia ou en alianza con outras entidades.
Fonte e imaxe: Fundación Fórum Ambiental