- Localizarase no parque empresarial do municipio e, ademais de transferir a bolsa negra e amarela, estará preparada para transvasar a materia orgánica que se recollerá de forma selectiva a través do denominado quinto contedor, de cor marrón.
- Ao dispoñer Arbo da súa propia planta de transferencia, os camións de recollida municipal non terán que desprazarse á planta da Cañiza para depositar os seus residuos, circunstancia que contribuirá a diminuír as emisións de CO2 á atmosfera, co conseguinte aforro de custos.
- Así mesmo, a instalación reportará ás arcas locais ingresos derivados da licenza de obra e IBI, entre outras contraprestacións, coa particularidade de que será un atractivo para outras industrias que, sen dúbida, contribuirán á creación de emprego e á xeración de riqueza.
Cerceda, a 5 de agosto de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciou recentemente que Sogama comprará a Xestur catro parcelas no polígono industrial de Arbo, cunha superficie total de 4.420 m2, nas que se localizará a futura planta de transferencia desta localidade pontevedresa. Trátase dun emprazamento estratéxico polo acceso aos distintos servizos que ofrece un parque empresarial (auga, enerxía, internet, etc).
Esta instalación súmase ás 36 que conforman a rede de plantas destas características estratexicamente distribuídas polo conxunto do territorio galego para dar servizo á meirande parte dos municipios galegos, sendo un soporte loxístico de primeira magnitude co que propiciar unha xestión máis sostible dos residuos urbanos.
Inicialmente, a previsión de Sogama era ampliar e modernizar a planta de transferencia da Cañiza, pero, debido á falta de solo industrial, optouse por Arbo como mellor emprazamento.
Ademais de transferir nesta instalación a bolsa negra (residuo xenérico procedente do contedor verde convencional) e a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados pola cidadanía no contedor amarelo), disporá dunha segunda tolva para a materia orgánica recollida de forma selectiva a través do denominado quinto contedor, de cor marrón.
Neste sentido, é preciso lembrar que os concellos dispoñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida segregada dos residuos orgánicos e convertelos en compost, un abono natural de alta calidade que se utiliza na agricultura e xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
A única operación que se leva a cabo nas plantas de transferencia é o transvasamento diario dos residuos recollidos separadamente por parte dos servizos municipais a contedores de gran capacidade, aptos para ser transportados, nas mellores condicións, ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda. E é nesta gran infraestrutura onde os materiais da bolsa amarela e negra clasifícanse por tipoloxías para o seu posterior envío aos centros recicladores, sometendo a valorización enerxética a parte non reciclable.
Polo tanto, nas plantas de transferencia non hai manipulación nin almacenamento nin tratamento de residuos, senón unicamente un transvasamento diario dos mesmos para facilitar o seu traslado a Cerceda.
Malia que a operativa é sinxela, estas instalacións cumpren con todos os requisitos ambientais e de seguridade.
VANTAXES
Dispoñer dunha infraestrutura destas características no parque empresarial de Arbo traerá consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais para o propio concello e os seus veciños. A razón é que os camións de recollida municipal non terán que desprazarse á planta da Cañiza para depositar os seus residuos, circunstancia que contribuirá a diminuír as emisións de CO2 á atmosfera, co conseguinte aforro de custes. E isto rexerá para tres das principais fraccións segregadas polos cidadáns en orixe (bolsa negra, bolsa amarela e, proximamente, a materia orgánica).
Así mesmo, a instalación reportará ás arcas locais ingresos derivados da licenza de obra e IBI, entre outras contraprestacións, coa particularidade de que será un atractivo para outras industrias que, sen dúbida, contribuirán á creación de emprego e á xeración de riqueza.
A día de hoxe, moitos concellos están a solicitar a Sogama unha planta de transferencia polas vantaxes que reporta. A de Arbo unicamente dará servizo a catro concellos: Arbo, Covelo, Crecente e A Cañiza.
Saúdos, Departamento de Comunicación