- Conta cun investimento superior a 5,5 M€, ocupa unha parcela de 12.000 m2 no polígono industrial de Pazos e disporá de capacidade para tratar 3.000 t/ano de materia orgánica e 1.600 t de material estruturante, estimando que produza 1.500 t/ano de compost
- Estará equipada coas tecnoloxías ambientais máis innovadoras e será autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao estar alimentada con fontes renovables
Verín (Ourense), a 31 de marzo de 2023.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado do presidente de Sogama, Javier Domínguez, a obra da planta de biorresiduos de Verín, que se constrúe no polígono industrial de Pazos.
O delegado territorial e o presidente de Sogama salientaron que as obras evolucionan a bo ritmo e a previsión é que entre en operación o próximo 1 de xuño. Ambos explicaron que, en principio, utilizarán os servizos desta instalación 22 concellos, con una poboación incorporda de 48.000 habitantes-, as características técnicas da mesma e a operativa que levará a cabo para transformar os residuos orgánicos recollidos a través dos contedores marróns nun compost de alta calidade.
Gabriel Alén puxo tamén en valor o traballo contrarreloxo desenvolvido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Sogama para axudar a que, antes do próximo 31 de decembro, os concellos, que son quen teñen as competencias en materia de xestión de residuos, poidan dar debido cumprimento á normativa europea.
TECNOLOXÍAS PUNTEIRAS E FOMENTO DAS ENERXÍAS RENOVABLES
A planta, que conta cun investimento de 5.525.158,85 euros + IVE, ocupa unha parcela de case 12.000 m2 e disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica e 1.600 toneladas de material estruturante, estimando que produza da orde de 1.500 toneladas anuais de compost, que se utilizará non sector da agricultura e xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
A instalación estará equipada coas tecnoloxías máis innovadoras en depuración de augas e aire, así como en redución do nivel de ruídos, garantindo desta forma unha operativa totalmente respectuosa co medio ambiente. Así mesmo, será autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao estar alimentada con fontes renovables.
A REDE DE INFRAESTRUTURAS COMPLÉTASE ESTE ANO
Unha vez que entre en funcionamento, a planta de Verín incorporarase á rede de infraestruturas deseñada pola Xunta, e executada por Sogama, para propiciar a valorización da materia orgánica en Galicia mediante a súa transformación en compost.
Esta rede estará conformada por 4 plantas de biorresiduos (Cerceda, na Coruña, –en funcionamento-; Cervo, en Lugo, xa construída e en proceso de probas de carga; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense) e 13 plantas de transferencia (6 de nova construción e 7 sometidas a adaptación), que estarán preparadas para transvasar, ademais da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados non contedor amarelo) e negra (fracción resto recollida a través do contedor convencional), a materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) e recollida a través do quinto contedor, de cor marrón.
Con esta rede, que conta cun investimento de 40 millóns de euros e está cofinanciada con 30 millóns polos Fondos Feder Reac EU como resposta da Unión Europea á crise da COVID-19, posibilitarase que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295 en total) dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda