- O acto, que inaugurará o presidente da Sociedade, Javier Domínguez, nutrirase coas achegas e experiencias das empresas PreZero e Cinfo, da Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto e do Concello balear de Sant Llorenç des Cardassar
- Elixido na 3ª convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), no proxecto GRESINT, cuxos pormenores exporá a directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, tamén participa o CITIC (UDC), así como LIPOR e a Universidad de Beira Interior (UBI)
Cerceda, o 7 de marzo de 2024.- A Axencia Galega de Innovación (GAIN) acollerá o vindeiro xoves, 14 de marzo, a xornada de lanzamento do proxecto GRESINT, que lidera Sogama e cuxo obxectivo é a transformación dixital intelixente no proceso de recollida e clasificación de residuos de envases a fin de incrementar os índices de reciclaxe.
Forman parte deste proxecto, en calidade de socios, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, e, por parte de Portugal, a Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidad de Beira Interior (UBI).
O acto inaugural correrá a cargo do presidente de Sogama, Javier Domínguez, que estará acompañado polos coordinadores rexionais do POCTEP en Galicia e Portugal, Xosé Pérez Lago e Mário Guimaraes, respectivamente.
Pola súa banda, a directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, será a encargada de dar a coñecer os pormenores do proxecto, e un técnico de LIPOR, José Henrique Silva, explicará os detalles da ferramenta que a entidade deseñou para a dixitalización da xestión de residuos.
A continuación, celebrarase unha mesa redonda que, baixo o título “Intelixencia Artificial aplicada a residuos”, moderará María Sagrario Pérez Castellanos, directora xeral de Calidade, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, contando coas intervencións de Elísabet González, manager de Innovación da compañía PreZero; Bernardo Riveira, director de Operacións e Desenvolvemento de Cinfo; e Laura Alonso e Joan Mestre Adrover, técnica de Medio Ambiente e concelleiro de área no Concello de Sant Llorenç des Cardassar (Illas Baleares).
Maior recuperación e reciclaxe
Elixido no marco da terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), GRESINT conta cunha dotación orzamentaria de 787.544,67 euros e terá unha duración de tres anos.
Trátase dun proxecto transversal e innovador que combina tecnoloxía, sostibilidade e circularidade, e cuxa pretensión é avanzar na innovación e a transformación da xestión de residuos a través de tecnoloxías intelixentes que permitan mellorar a clasificación de envases e logren impactar no resto da cadea de valor, isto é, na recollida, selección, reciclaxe e valorización. Desta forma, contribuirá a alcanzar os obxectivos europeos de reciclaxe, permitindo introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade que substituirán aos virxes.
Para levar a cabo o seu labor, o proxecto contempla unha serie de actividades tales como a elaboración dunha Axenda de Dixitalización do proceso de xestión de residuos, un catálogo de tecnoloxías intelixentes existentes no mercado que poidan resultar relevantes na mellora dos procesos industriais e unha folla de roteiro para a implementación das tecnoloxías crave identificadas, que serán testadas mediante tres pilotos nas plantas de Sogama, en Cerceda, e LIPOR, en Porto. E todo isto reforzado con distintas accións de formación, comunicación e divulgación.
Ligazón de inscrición á xornada: https://lnkd.in/dAQqksAG
Saúdos, Departamento de Comunicación