- Terá lugar o próximo 14 de novembro, no CIS de Tecnoloxía e Deseño de Ferrol.
- Desenvolverase na Materioteca de Galicia e diríxese aos profesionais e estudantes de deseño, ao persoal investigador do campo dos novos materiais e ás empresas.
- Na primeira parte do evento daranse a coñecer os principais desafíos a afrontar por parte dos sectores do comercio e da alimentación, así como a normativa que deben cumprir os materiais no ámbito da sostibilidade a nivel internacional.
- O peche da xornada chegará a través dun taller práctico, en colaboración con Material Connexion Bilbao.
Cerceda, a 5 de novembro de 2019.- O próximo 14 de novembro, o CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol acollerá a celebración dun Workshop que, baixo o título “Novos materiais para packaging sostible”, promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
A xornada desenvolverase na Materioteca de Galicia e ten como público obxectivo aos profesionais e estudantes de deseño, ás empresas e aos investigadores interesados en coñecer os novos retos asociados aos materiais para packaging e as solucións innovadoras para envases e embalaxes sostibles.
Na primeira parte do evento daranse a coñecer os principais desafíos a afrontar por parte dos sectores do comercio e da alimentación, así como a normativa que deben cumprir os materiais no ámbito da sostibilidade a nivel internacional. Acto seguido presentaranse varios proxectos orientados a dar solución a estes retos, contando coas intervencións de representantes de Anfaco-Cecopesca, a Axencia de Industria Forestal (Xera) e as firmas Ecoplas, Sigilum e Papelera de Brandia.
O peche do Workshop levarase a cabo a través dun taller práctico, en colaboración con Material Connexion Bilbao, o maior centro internacional especializado en materiais innovadores.
De forma paralela, e previa solicitude, os asistentes poderán participar en reunións bilaterais coa pretensión de facilitar a transferencia de coñecemento e buscar posibles sinerxías ou colaboracións entre empresas, empresas e deseñadores ou empresas e grupos de investigación.
http://gain.xunta.gal/eventos/288/workshop+novos+materiais+packaging+sustentable
Fonte: GAIN
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación