-
Así o manifestou o presidente de Sogama no III Encontro ESGREM, que tivo lugar en Donostia, onde deu a coñecer os pormenores do modelo de xestión de residuos impulsado por esta compañía pública ante un aforo de 100 representantes de entidades públicas de toda España, que dan servizo a máis de 25 millóns de persoas
-
Javier Domínguez expuxo a firme aposta que Sogama fixo no seu momento pola reciclaxe ao poñer en marcha, no Complexo cercedense, unha planta 4.0 para a recuperación de residuos reciclables da bolsa negra
-
Así mesmo, puxo en valor a redución, por parte de Sogama, do depósito de residuos en vertedoiro, que se sitúa no 25% (entre directo e indirecto), fronte á media española, que supera o 50%
Cerceda, a 25 de maio de 2024.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, participou en días pasados no III Encontro de Entes Supramunicipais para a Xestión dos Residuos Municipais (ESGREM), que tivo lugar en Donostia, concretamente no Complejo Medioambiental de Zubieta, para dar a coñecer os pormenores do modelo de xestión de residuos impulsado por esta compañía pública.
Ante un aforo de máis de 100 representantes de entidades públicas de toda España, que dan servizo a máis de 25 millóns de persoas, Domínguez Lino puxo en valor o esforzo da comunidade galega para estar á vangarda no tratamento de residuos municipais, apostando por un sistema de xestión perfectamente aliñado coas directrices europeas, isto é, relegando o uso do vertedoiro a último lugar polo seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde, e priorizando a redución, a reutilización e a reciclaxe dos residuos. E todo isto complementado coa recuperación enerxética da fracción non reciclable. De feito, mentres que o vertido en Sogama, que atende a 295 concellos (máis de 2,2 millóns de habitantes) representa, entre directo e indirecto, o 25%, no resto de España acada unha media superior ao 50%.
Reciclaxe 4.0
Ademais de explicar a filosofía e operativa de Sogama, o máximo responsable da Sociedade tamén interveu nunha mesa redonda, moderada por Cesar Gimeno, director xeral do Consorcio de Residuos de Gipuzkoa (GHK), na que se expuxo e debateu sobre os modelos de explotación das plantas de tratamento previo da fracción resto. Na mesma estivo acompañado por Paz Orviz, xerente da planta asturiana de Cogersa; Ángel Rodríguez, xerente dos Consorcios de Valencia Interior e de Ribera i Valldigna; e Ángel Castillo, director técnico do Consorcio Provincial de RSU de Málaga.
Durante a súa alocución, Javier Domínguez puxo de relevo a firme aposta que Sogama fixo no seu momento pola reciclaxe ao poñer en marcha, no Complexo Medioambiental de Cerceda, unha planta para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa e susceptibles de ser reciclados. Desta forma, a capacidade do Complexo incrementouse no ano 2018 nun 81%, pasando de 550.000 toneladas a 1.000.000, e fíxoo ademais cunha instalación que opera en liña coa industria 4.0 e que está equipada con tecnoloxías intelixentes que detectan, a través de sensores, lectores ópticos e outros mecanismos, os distintos tipos de materiais, propiciando a súa clasificación e posterior reciclaxe.
Esta nova planta posicionou a Sogama como a instalación das súas características máis grande, eficiente e moderna de Europa, erixíndose en todo un referente a nivel mundial. Non obstante, Domínguez Lino incidiu na indispensable colaboración da poboación, xa que, canto mellor se separen os residuos en orixe e se depositen no contedor correspondente, maior será a calidade do material que se achegue á reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación