- Sogama recuperou no Complexo Medioambiental de Cerceda 20.000 toneladas de vidro contido na bolsa negra, un 8% máis que en 2018.
- O promedio de reciclaxe de envases de vidro por habitante en 2019 situouse en 19,3 kg.
- No acto de presentación destes datos, Cruz Ferreira, directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, salientou que reciclar vidro, ademais de evitar emisións de CO2 e a extracción de materias primas da natureza, permite aforrar a enerxía equivalente que consumen todos os hospitais de Galicia durante máis de dous meses
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2020.- A comunidade galega reciclou en 2019 un total de 51.967 toneladas de vidro, polo que Galicia supera por primeira vez en 2019 a recollida de 50.000 toneladas de vidro a través do contedor verde.
A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, e o xerente de zona Galicia-Asturias de Ecovidrio, Germán Fernández, presentaron esta mañá os resultados de reciclaxe de vidro que, no caso de Galicia, seguen a ser destacados, pois a media galega sitúase en 19,3 kg/hab, superando a do conxunto do Estado.
Cruz Ferreira Costa salientou que a reciclaxe de vidro é unha mostra da implicación e toma de conciencia dos galegos coa economía circular, pois, comparando as cifras actuais coas de fai catro anos, en Galicia recíclase un 33% máis que hai cinco anos (39.119 Tn en 2014) e un 7,6% máis respecto das cifras de 2018 (48.308 Tn).
En canto á recollida por provincias, A Coruña foi na que máis se reciclou, cunha media de 19,1 kg/hab e un incremento de case 1.300 Tn respecto de 2018; seguida de Pontevedra (17,7 kg/hab). As provincias de Ourense e Lugo acadaron unha taxa de reciclaxe de 16,8 kg/hab e 16,2 kg/hab, respectivamente. En termos porcentuais, destaca a subida en 7 puntos da provincia de Ourense, que pasou de reciclar 4.819 Tn en 2018 ás 5.154 no pasado ano.
A directora xeral tamén destacou o envío a Ecovidrio de case 20.000 Tn (18.999) de residuos de envases de vidro que chegaron ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda na bolsa negra e que Sogama recuperou para a súa xestión por parte de Ecovidrio.
Ferreira Costa salientou que, detrás deste récord de reciclaxe, hai dous aspectos importantes como son a contenerización, fundamental para facilitar a reciclaxe de vidro aos cidadáns, que hoxe contan con 16.515 puntos repartidos ao longo da xeografía galega para o depósito deste material, un 3,4% máis, e as campañas informativas e divulgativas.
A representante da Consellería de Medio Ambiente recalcou a necesidade de camiñar cara o modelo de economía circular e facer fronte á emerxencia climática, polo que a reciclaxe, concretamente a de vidro, é un elemento fundamental para evitar emisións de gases de efecto invernadoiro e a sobreexplotación dos recursos.
Neste sentido, indicou que, grazas ao esforzo realizado en 2019, ademais de evitar emisións de CO2 e a extracción de materias primas da natureza, a reciclaxe de vidro permitu aforrar a enerxía equivalente que consumen todos os hospitais de Galicia durante máis de dous meses
Fonte: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda