- Baixo o lema “A paisaxe do mar”, o encontro terá lugar do 17 ao 19 de xullo na Casa Habanera.
- Cada unha das xornadas foi bautizada co seu propio título (Vecindade, Profundidade, Inmensidade), prevendo que participen nas mesmas recoñecidos expertos na materia.
- Mentres que a conferencia inaugural correrá a cargo de María Nava Castro Domínguez, Directora de Turismo de Galicia, a de clausura será protagonizada por Federico L. Silvestre, profesor de Historia das Ideas Estéticas.
- Tralo acto de clausura terá lugar o tradicional roteiro “Pedra, Auga e Gastronomía” polo Concello de Guitiriz, complementándose as distintas xornadas con proxeccións audiovisuais (Vivir o Mar e Amar a Mar) e cunha exposición fotográfica (A mar de ben).
Cerceda, a 18 de xuño de 2019.- Un ano máis, a localidade lucense de Guitiriz acolle unha nova edición dos Seminarios de Verán sobre Paisaxe auspiciados pola Universidade de Santiago de Compostela.
Baixo o lema “A paisaxe da mar”, o encontro terá lugar do 17 ao 19 de xullo na Casa Habanera.
A través do mesmo enxalzarase o protagonismo que a costa ten en Galicia coas súas diferentes configuracións morfolóXicas e ecolóxicas traducidas en cabos, rías, acantilados, praias, lagos, marismas e illas, ademais das propias profundidades mariñas, sen esquecer a extraordinaria riqueza do océanos no ámbito biolóxico, económico e paisaxístico. E será precisamente este último, o paisaxístico, o punto de referencia das tres xornadas nas que participarán recoñecidos expertos na materia.
VECINDADE, PROFUNDIDADE, INMENSIDADE
Así, o primeiro día, bautizado co título de “Vecindade”, será María Nava Castro Domínguez, Directora de Turismo de Galicia, a encargada da súa apertura a través dunha conferencia inaugural na que falará de turismo e paisaxe marítimo.
Seguiralle Roxelio Pérez Moreira, Profesor de Territorio e Paisaxe e de Cultura e Paisaxe da USC, quen desgranará a contraposición entre a costa cantábrica e a atlántica. Pola súa banda, Francisco Javier López González, profesor do Departamento de Enxeñería Agroforestal da mesma Universidade, recrearase nas rutas dos faros e dos cabos, así como nas rutas terrestres e rutas polo mar, mentres que Saúl de la Peña Lastra, Investigador do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, explicará os pormenores da biodiversidade e exclusividade das illas atlánticas galegas.
O segundo día, que leva por título “Profundidade”, Jorge J. Candán, Fotógrafo e Produtor de documentais de ciencia e natureza, falará do legado das rías galegas, e Guillermo Díaz Agras, Farmacéutico e Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, viaxará ás paisaxes submariñas do litoral galego. Victoriano Urgorri, Catedrático de Zooloxía Mariña e Director da Estación Biolóxica Mariña da Graña farao á Galicia profunda, dando conta da paisaxe dos abismos mariños.
A xornada culminará coas achegas de Xurxo Lobato, Fotoperiodista e Académico da Real Academia Galega de Belas Artes, quen detallará a paisaxe e a cultura marítima galega, e con Alfredo López Fernández, Biólogo e ex Presidente da coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños, que abordará precisamente os mamíferos mariños no mar de Galicia.
Xa o último día “Inmensidade”, será introducido por Xurxo Souto, Filólogo, locutor de radio, presentador de televisión, escritor e músico, que impartirá o relatorio “Océanos para terrícolas”. A súa alocución terá continuidade coa de María Teresa Barral Silva, Directora do Departamento de Edafoloxía e Académica da Academia de Farmacia, que abordará un problema de plena actualidade: os plásticos no mar e a súa recuperación.
Da conferencia de clausura encargarase Federico L. Silvestre, profesor de Historia das Ideas Estéticas, quen deleitará ao público con “Poética das profundidades”
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
Tralo acto de clausura, terá lugar o tradicional roteiro polo Concello de Guitiriz “Pedra, Auga e Gastronomía”, complementándose as distintas xornadas con proxeccións audiovisuais (Vivir o Mar e Amar s Mar) e cunha exposición fotográfica (A mar de ben).
O prazo de matrícula conclúe o 5 de xullo. Máis información no teléfono 98282151,151, no e-mail: margarita.vilela@usc.es, e en www.usc.es/campusterra/gl/curso-paisaxe-da-mar
Saúdos, Departamento de Comunicación