- Recompila mensaxes de apoio e agradecemento dos cidadáns de toda España ao labor do persoal de recollida e tratamento de residuos na crise sanitaria.
Cerceda, a 21 de abril de 2020.- No marco da crise sanitaria provocada polo COVID-19, Ecoembes lanzou, a través das súas redes sociais, unha campaña que, baixo o lema #HéroesAPieDeCalle, ten por obxecto dar visibilidade e poñer en valor o traballo que milleiros de persoas levan a cabo cada día na recollida, clasificación e tratamento de residuos, sen esquecer o compromiso medioambiental de millóns de cidadáns que continúan a separar o lixo nas súas casas durante esta fase de confinamento para garantir o seu posterior reciclado. De feito, o uso do contedor amarelo (destinado aos envases de plástico, latas e briks) incrementouse un 15% desde que se iniciou o estado de alarma.
Desde o pasado 9 de abril, Ecoembes animou aos cidadáns de toda España a debuxar ou escribir na súa bolsa de lixo unha mensaxe de apoio para agradecer o labor que os servizos de recollida e xestión de residuos están a realizar durante todos estes días.
A iniciativa, que busca homenaxear aos traballadores destes servizos esenciais, foi acollida con entusiasmo: “cando estás traballando e ves este tipo de mensaxes que che poñen nas bolsas, nos cubos… danche forza para seguir e sentes que estás desempeñando un labor co que estás axudando á xente” indica Justo Maturana, mozo especialista en reciclaxe de residuos. “Estas mensaxes anímante e axúdanche a seguir facendo o traballo que ademais nós entendemos que é necesario, non só agora, senón sempre”, declarou, pola súa banda, Juan Piñeiros, condutor dun dos vehículos de recollida de residuos en Madrid.
Fonte e imaxe: Ecoembes