- A diferenza de anos anteriores, esta conmemoración ten lugar nun particular escenario marcado pola pandemia do COVID-19, que azoutou con virulencia a estabilidade e seguridade de moitos países desde múltiples frontes.
- Esta efeméride contémplase como unha oportunidade a través da cal se invita a unha profunda reflexión sobre a relación da humanidade co medio porque, malia todos os beneficios que nos brinda a nosa natureza, aínda a maltratamos.
- A temática central deste ano é a biodiversidade, pois a súa perda terá graves consecuencias para a humanidade, incluído o colapso dos sistemas alimentarios e de saúde.
Cerceda, a 5 de xuño de 2020.- Hoxe celébrase, como cada 5 de xuño, o Día Mundial do Medio Ambiente. A diferenza de anos anteriores, esta conmemoración ten lugar nun particular escenario, tanto sanitario como social, económico e ambiental, marcado pola pandemia do COVID-19, que azoutou con virulencia a estabilidade e seguridade de moitos países desde múltiples frontes. Esta efeméride contémplase como unha oportunidade a través da cal se invita a unha profunda reflexión sobre a relación da humanidade co medio.
O aire que respiramos, a auga que bebemos, os alimentos que comemos e o clima que fai posible a nosa vida no planeta, non existirían sen os servizos da natureza. Sirva como exemplo que as plantas mariñas producen máis da metade do osíxeno da nosa atmosfera ou que unha árbore é capaz de limpar o noso aire absorbendo 22 quilos de dióxido de carbono e liberando osíxeno a cambio.
Non obstante, e malia todos os beneficios que nos brinda a nosa natureza, aínda a maltratamos. O Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano conta con Colombia como país anfitrión, é a data máis importante no calendario oficial das Nacións Unidas para fomentar a acción ambiental. Desde 1974, o 5 de xuño converteuse nunha plataforma global de alcance público que reúne a gobernos, empresas, celebridades e cidadáns en torno a un asunto ambiental apremiante.
A BIODIVERSIDADE, NO PUNTO DE MIRA
Este ano, o tema central é a biodiversidade. Os incendios forestais sen precedentes en Brasil, California e Australia, a invasión de langostas no Corno de África e agora a pandemia de COVID-19, demostran a estreita relación entre os humanos e as redes da vida nas que vivimos.
A deforestación, a invasión de hábitats de vida silvestre, a agricultura intensiva e a aceleración do cambio climático alteraron o delicado equilibrio da natureza. Necesitaríanse os recursos de 1,6 planetas Terra para satisfacer a demanda dos humanos cada ano. Se continuamos neste camiño, a perda de biodiversidade terá graves consecuencias para a humanidade, incluído o colapso dos sistemas alimentarios e de saúde.
Ao redor dun 75% de todas as enfermidades infecciosas emerxentes en humanos son zoonóticas, o que significa que se transmiten de animais a persoas. A aparición do COVID-19 puxo en evidencia que, cando destruímos a biodiversidade, destruímos o sistema que sustenta a vida humana.
Datos para a reflexión:
- A biodiversidade abarca aproximadamente os 8 millóns de especies no planeta, os ecosistemas que as albergan e a diversidade xenética entre elas.
- Nos últimos 150 anos, a superficie de arrecifes de coral vivos reduciuse á metade.
- Dentro da próxima década, unha de cada catro especies coñecidas podería extinguirse.
- Necesitaríanse os recursos de 1,6 planetas Terra para satisfacer aos humanos cada ano.
Resulta evidente que a Natureza estanos enviando unha mensaxe.
Campaña A Hora da Natureza https://www.worldenvironmentday.global/es