- Así mesmo, orientará a configuración do futuro programa de investigación e innovación Horizon Europe para o período 2021-2027.
- Unha das novidades de maior calado será o Consello Europeo de Innovación, que xa se está executando na súa fase piloto beneficiándose en 2020 dun orzamento de 1.200 millóns de euros.
- As temáticas sobre plásticos levaranse 135 millóns, contribuíndo á Estratexia de Plásticos da UE.
Cerceda, a 8 de xullo de 2019.- Horizonte 2020, o programa de financiamento de innovación e investigación da Unión Europea, entra no seu último tramo cun orzamento de 11.000 millóns de euros, prevendo abordar temas cruciais como o cambio climático, a enerxía limpa, os plásticos, a ciberseguridade e a economía dixital. Así mesmo, orientará a configuración do futuro programa de investigación e innovación Horizon Europe para o período 2021-2027.
Unha das novidades de maior calado será o Consello Europeo de Innovación, que xa se está executando na súa fase piloto beneficiándose en 2020 dun orzamento de 1.200 millóns de euros. Configúrase como portelo único para o financiamento da innovación de cara a converter a ciencia nun novo negocio e acelerar a expansión das empresas.
En 2020, 206 millóns investiranse en proxectos para transformar sectores que tradicionalmente consomen moita enerxía en industrias competitivas, baixas en carbono e circulares, así como para reducir de forma significativa a súa pegada ambiental.
132 millóns de euros apoiarán o desenvolvemento e produción en Europa da próxima xeración de baterías como parte de impulso cara un futuro baixo en carbono e resistente ao clima. Pola súa banda, as temáticas sobre plásticos levaranse 135 millóns, contribuíndo á Estratexia de Plásticos da UE.
Así mesmo, impulsarase a investigación do “ceo azul” (ciencia baseada na curiosidade), destinando máis de 2.200 millóns de euros para o apoio a excelentes investigadores e mellorarase a cooperación internacional en investigación e innovación, investíndose máis de 550 millóns en 2020 en buques insignia de cooperación. É o caso do traballo conxunto con África en saúde global, seguridade alimentaria e nutricional; con Estados Unidos, Canadá e Xapón en enerxía limpa; e con China, na produción de alimentos, biotecnoloxía, enerxía, recursos naturais e urbanización.
Horizonte 2020 é o programa marco de investigación e innovación de maior calado da UE, cun orzamento de 77.000 millóns de euros ao longo de 7 anos (2014-2020). A investigación financiada por Europa contribuíu a importantes descubrimentos tales como os exoplanetas, o bosón de Higgs e as ondas gravitacionais, as primeiras imaxes dun buraco negro e alomenos 17 gañadores do Premio Nobel recibiron fondos de investigación da UE antes ou despois da súa adxudicación.
Fonte e imaxe: Comisión Europea
Saúdos, Departamento de Comunicación