- É o programa europeo mellor dotado (95.500 millóns de euros) para financiar a transición dixital, a investigación e a innovación en cuestións de interese mundial tales como a loita contra o cambio climático, a dixitalización ou a Covid-19.
Cerceda, a 13 de maio de 2021.- Horizonte Europa 2021-2027 é o programa europeo mellor dotado para financiar a transición dixital, a investigación e a innovación en cuestións de interese mundial tales como a loita contra o cambio climático, a dixitalización ou a Covid-19. Así mesmo, facilitará axudas ás pemes innovadoras e ao desenvolvemento de infraestruturas de investigación.
Estará dotado con 95.500 millóns de euros, dos que 5.400 millóns proceden do plan de recuperación Next Generation EU, e un investimento adicional de 4.000 millóns de euros do marco financeiro plurianual da UE.
O programa, que botou a andar de forma provisional o pasado 1 de xaneiro, sendo confirmado posteriormente polos eurodeputados, aséntase sobre tres alicerces:
- «Ciencia excelente», que apoiará os mellores proxectos presentados polos propios investigadores a través do Consello Europeo de Investigación, á vez que financiará bolsas e intercambios, e investirá en infraestruturas de investigación.
- «Desafíos mundiais e competitividade industrial europea», co que se apoiará directamente a investigación relacionada coa sociedade, a tecnoloxía e a industria, e determinará a orientación das «misións de investigación» a escala da Unión. Tamén se inclúen aquí as actividades do Centro Común de Investigación (JRC), que apoia aos responsables políticos nacionais e da Unión con datos científicos e asesoramento técnico independentes.
- «Europa innovadora», cuxo obxecto é poñer o continente europeo na vangarda da innovación capaz de crear mercados. Pretende, ademais, tender pontes entre a empresa, a investigación, a universidade e o mundo emprendedor reforzando o Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía.
«Horizonte Europa preparará á UE para o futuro apoiando aos sistemas sanitarios, á descarbonización da industria e á innovación empresarial. Tamén axudará os investigadores. Un investimento ambicioso é clave para enfrontar os retos do futuro», sinalou Dan Nica (S&D, Rumanía), relator do Regulamento Horizonte Europa.
«Conseguimos un orzamento ambicioso e equilibramos co que apuntalar sólidamente a investigación básica e a investigación temática” engadiu Christian Ehler (PPE, Alemaña), relator do programa específico Horizonte Europa.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pexels