- A recollida selectiva de téxtil supón un aforro importante para as administracións locais. A Fundación asume o custo do devandito servizo, co fin de promover a protección ambiental.
Cerceda, a 30 de xaneiro de 2019.- Humana Fundación Pobo para Pobo, organización que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e leva a cabo programas de cooperación ao desenvolvemento en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España, recuperou 1.838 toneladas de téxtil usado en Galicia en 2018. Este rexistro é equivalente a 3,8 millóns de pezas que teñen unha segunda vida a través da reutilización e a reciclaxe. Con todo aínda están lonxe das metas que impón a Unión Europea (UE).
A nivel global só unha de cada 10 pezas que os españois xa non precisan ten unha nova vida. A cidadanía refuga anualmente un millón de toneladas de téxtil, pero só o 10%, é dicir, 100.000 toneladas, é recolleito de modo selectivo por un xestor autorizado para promover a súa reutilización ou reciclado. Estas cifras están lonxe da meta do 55% fixado pola UE para o próximo ano. A Comisión Europea advertiu a España e a 13 países máis de que corre o risco de non cumprir este obxectivo. “Ten que facer máis para que a cidadanía e a economía poidan beneficiarse da economía circular“, sinala un informe do executivo comunitario.
Tras a orgánica, os envases e plásticos, o papel e o cartón, e o vidro, o residuo téxtil é a quinta fracción que máis xeran os cidadáns e a que presenta a porcentaxe de valorización máis alto, por encima do 90%. De aí a importancia de concienciar a administracións e cidadanía da necesidade da recollida selectiva. O motivo para o optimismo é a importancia crecente da economía circular, que define os residuos como recursos, e que en 2025 a recollida selectiva da fracción téxtil será obrigatoria por esixencia da UE.
COMPOÑENTE SOCIAL POR RIBA DO MERCANTIL
“Desde Humana aplaudimos o labor dos municipios que promoven a recollida selectiva de téxtil”, valora Darío Gómez, responsable da área de Recollida de Humana en Galicia, “e insistimos na importancia de impulsar un modelo de xestión sustentable que priorice o compoñente social por encima do mercantil”. “As administracións locais deben entender que teñen un compromiso que cumprir a seis anos vista. Todos os axentes implicados debemos redobrar os esforzos para aumentar as cifras de recollida selectiva, non só para respectar o obxectivo imposto por Bruxelas senón para potenciar o beneficio ambiental e social da roupa usada”, engade.
“Humana fortalece ano tras ano o seu compromiso coa cidadanía, baseado na transparencia da xestión, a trazabilidade do residuo grazas a estritos mecanismos de control e a confianza en que as doazóns se converten en recursos para os nosos fins sociais”, asegura Darío Gómez, “o noso modelo funciona porque apostamos por un modelo circular para o téxtil, pola inserción sociolaboral, xeramos ocupación e loitamos contra a pobreza mediante os nosos proxectos de cooperación ao desenvolvemento”.
As pezas recollidas por Humana proceden dos contedores verdes onde se deposita a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil do fogar que xa non se emprega para darlles unha segunda vida. O servizo de recollida do téxtil é gratuíto e representa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos sólidos urbanos.
BENEFICIO AMBIENTAL
A reutilización e a reciclaxe de téxtil contribúen ao aforro de recursos, a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As 1.838 toneladas recollidas en Galicia en 2018 representan un aforro de 5.827 toneladas de CO2 á atmosfera, cousa que o planeta agradece. Equivalen á emisión anual de 2.189 coches (que circulan 15.000 km anuais) ou á absorción anual de dióxido de carbono de 43.488 árbores.
XERARQUÍA DE XESTIÓN DE RESIDUOS
As pezas depositadas nos contedores de Humana teñen dous destinos: o 61% trátase nalgunha das plantas de preparación para a reutilización da Fundación (en Madrid, Barcelona e Granada) e o resto véndese a empresas de reutilización e reciclaxe. O destino das pezas tratadas é:
- O 61% prepárase para a reutilización: o 15% destínase ás tendas secondhand de Humana en España e o 46% expórtase, principalmente a África, para ser vendido a prezos de mercado e así xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento.
- O 29% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil para que elaboren outros produtos como mantas, illantes ou trapos para a industria de automoción.
- O 1% son residuos impropios (plástico, cartón, outros) que se poñen en mans dos xestores autorizados correspondentes.
- O 9% envíase a un centro de tratamento de residuos para a súa disposición final xa que non se pode reutilizar nin reciclar nin valorizar enerxéticamente.
BENEFICIO SOCIAL: EMPREGO VERDE E COOPERACIÓN
A xestión sustentable do residuo téxtil reporta dous grandes beneficios sociais: o primeiro é a xeración de emprego verde e a contribución á economía social, xa que fomenta a creación de postos de traballo inclusivos, estables e de calidade. Humana conta cun persoal en aumento grazas a que xera un emprego indefinido por cada 36.000 kg de téxtil recolleito.
O segundo é a achega de recursos a iniciativas sociais. Tras máis de tres décadas de actividade, 2,4 millóns de persoas beneficiáronse dos programas de desenvolvemento que Humana leva a cabo nos países do Sur da man das súas contrapartes ou socios locais. Humana destinou máis de 30 millóns de euros para a formación de profesores de primaria, o impulso da agricultura sustentable ou a loita contra o VIH/SIDA, entre outras accións.
Fonte: Humana
Máis información en www.humana-spain.org