- A recollida selectiva de xaneiro a xuño ascende a 646 toneladas de residuo téxtil para reutilizalas ou reciclalas cun fin social.
- É un aumento do 13% respecto do mesmo período do ano pasado.
- A recuperación do residuo téxtil no que levamos de ano representa un aforro de 2.049 toneladas de CO2 non emitidas á atmosfera.
Cerceda, a 10 de xullo de 2021.- Humana Fundación Pueblo para Pueblo recuperou en Galicia 646 toneladas de téxtil usado durante o primeiro semestre de 2021 para darlles unha segunda vida a través da reutilización ou a reciclaxe.
A recollida selectiva de residuo téxtil representa un aumento do 13,5% respecto dos primeiros seis meses do ano pasado (569 toneladas); non en van o confinamento e os efectos da pandemia obrigaron a inhabilitar parte dos puntos de recollida durante unhas semanas de 2020.
No transcurso do primeiro semestre deste ano, os doantes revisaron o seu armario e depositaron nos contedores verdes da Fundación a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non utilizan.
As 646 toneladas recuperadas por Humana equivalen a 2,9 millóns de prendas cuxa xestión, que permitirá alongar a súa vida útil, implicará un dobre beneficio: o primeiro é ambiental, porque reduce a xeración de residuos e evita que acaben en vertedoiro. Ademais, a recuperación do residuo téxtil no que levamos de ano representa un aforro de 2.049 toneladas de CO2 non emitidas á atmosfera.
O segundo beneficio é social: consiste na creación de emprego verde, Humana xera un emprego indefinido por cada 30.000 kg de téxtil recollido. Ademais, os recursos obtidos destínanse a proxectos sociais: tras máis de tres décadas de actividade, tres millóns de persoas involucráronse nos programas de desenvolvemento nos países do Sur da man de contrapartes ou socios locais; son proxectos centrados na formación de profesores de primaria, o impulso da agricultura sostible ou a loita contra o VIH/SIDA, entre outras accións.
En toda España, a entidade sen ánimo de lucro recuperou 8.456 toneladas o primeiro semestre, un 23,4% máis respecto do mesmo período do ano pasado 6.851 toneladas). Este rexistro equivale a 38 millóns de prendas e un aforro de 26.798 toneladas de CO2 non emitidas.
“Ao obter o máximo aproveitamento do téxtil e darlle unha segunda vida, convertemos os residuos en recursos e dotámolos dun fin social”, afirma Ricardo Rodríguez, responsable da área de Recollida de Humana en Galicia, “as prendas que se recuperan son un activo que, xestionado debidamente, convértese en motor de emprego e de xerador de fondos para a cooperación ao desenvolvemento no hemisferio Sur, e de apoio local á agricultura urbana e social no noso país. Por iso, damos as grazas á cidadanía pola súa colaboración”.
O DESTINO DA ROPA USADA
O principal destino das prendas depositadas nos contedores de Humana é as plantas de preparación para a reutilización da Fundación (en Madrid e Barcelona) e unha pequena parte véndese a empresas de reutilización e reciclado. O destino das prendas tratadas é:
- O 54% destínase a reutilización: o 14% a través das tendas secondhand e o 40% expórtase, principalmente a África para ser comercializado, facer accesible a vestimenta en países menos desenvolvidos e xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento.
- O 37,5% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil para que elaboren outros produtos (mantas, illantes ou trapos para a industria de automoción)
- O 1,5% son residuos impropios (plástico, cartón, outros) que se pon en mans de xestores autorizados.
- O 7% non se pode reutilizar nin reciclar nin valorizar enerxeticamente e envíase a un centro de tratamento de residuos para a súa disposición final.
Fonte e imaxe: Humana
Máis información en www.humana-spain.org