- Recuperadas máis de 16 millóns de prendas durante o primeiro semestre para promover a súa reutilización e reciclado.
Cerceda, a 8 de xulllo de 2019.- Humana Fundación Pueblo para Pueblo, organización que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e leva a cabo programas de cooperación ao desenvolvemento en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España, recuperou 8.058 toneladas de téxtil usado en España no primeiro semestre de 2019 cun fin social e ambiental. Este rexistro equivale a 16,7 millóns de prendas que serán reutilizadas ou recicladas e alargarán o seu ciclo de vida útil.
As doazóns proceden dos contedores verdes ubicados grazas aos acordos con máis de 2.000 concellos e entidades privadas. Nos puntos de recollida deposítase a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non se utilizan, pero están en bo estado e poden ter unha segunda vida. O servizo é gratuíto e representa un aforro importante nos gastos de recollida e tratamento de residuos urbanos.
A reutilización e a reciclaxe de téxtil ten un beneficio ambiental: contribúe ao aforro de recursos, a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As 8.058 toneladas recollidas de xaneiro a xuño en España representan un aforro de 25.536 toneladas de CO2 á atmosfera, cousa que o planeta agradece; equivalen á emisión anual de 9.591 coches (que circulen 15.000 km anuais) ou á absorción anual de dióxido de carbono de 190.573 árbores.
“Humana consolidouse como un axente da economía social, a economía verde e a economía circular. Xera recursos, emprego, incide no ámbito local e promove o desenvolvemento na contorna máis próxima”, asegura Elisabeth Molnar, directora xeral da Fundación, que engade: “A nivel social, os nosos programas, tanto en España como no Hemisferio Sur, involucran a decenas de miles de persoas, cuxas condicións de vida melloran grazas aos recursos obtidos coa valorización do residuo téxtil que permiten financiar os devanditos proxectos”.
Só se recupera o 10% da roupa refugada
Cada cidadán refuga entre 30 e 40 quilos de téxtil anualmente en España, o que representa un millón de toneladas anuais. Pese a que gran parte desas prendas refugadas son susceptibles de ter unha segunda vida e que o 90% da fracción téxtil valorízase ou reaproveitase, apenas se recupera selectivamente o 10% por un xestor autorizado. O resto (900.000 toneladas) acaba en vertedoiros.
“Desde Humana aplaudimos o labor dos municipios que promoven a recollida selectiva de téxtil, aínda que queda un longo camiño por percorrer”, valora Elisabeth Molnar, que insiste: “Estamos ante unha oportunidade e un enorme reto para dar o impulso definitivo á xestión apropiada deste recurso, fieis á xerarquía de residuos e a un modelo económico circular, no que prime a reintrodución do téxtil na cadea produtiva, prolongando o seu ciclo de vida. Todo isto nun marco definido por un sistema de contratación pública verde e sostible como motor de crecemento”.
O motivo para o optimismo é a importancia crecente da economía circular, que define os residuos como recursos, e o feito de que en 2025 a recollida selectiva da fracción téxtil (é unha competencia municipal) será obrigatoria por esixencia da UE en todos os países membros.
O destino da roupa usada
As prendass depositadas nos contedores de Humana teñen dous destinos: o 61% trátase nas tres plantas de preparación para a reutilización da Fundación (en Madrid, Barcelona e Granada) e o resto véndese a empresas de reutilización e reciclado. O destino das prendas tratadas é:
- O 52% prepárase para a reutilización: o 13 % destínase ás tendas secondhand de Humana en España e o 39 % expórtase, principalmente a África, para ser vendido a prezos de mercado e así xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento.
- O 37% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil para que elaboren outros produtos como mantas, aillantes ou trapos para a industria de automoción.
- O 2% son residuos impropios (plástico, cartón, outros) que se pon en mans dos xestores autorizados correspondentes.
- O 9% non se pode reutilizar nin reciclar nin valorizar enerxeticamente e envíase a un centro de tratamento de residuos para a súa disposición final.
O beneficio social: emprego verde e cooperación
Dous grandes beneficios sociais derívanse da xestión sostible do residuo téxtil: o primeiro é a xeración de emprego verde e a contribución á economía social, xa que fomenta a creación de postos de traballo inclusivos, estables e de calidade. Humana xera un emprego indefinido por cada 36.000 quilos de téxtil recollido.
O segundo é a achega de recursos a iniciativas sociais. Tras máis de tres décadas de actividade, 2,4 millóns de persoas beneficiáronse dos programas de desenvolvemento nos países do Sur da man de contrapartes ou socios locais. destinou máis de 30 millóns de euros para a formación de profesores de primaria, o impulso da agricultura sostible ou loita contra o VIH/SIDA, entre outras accións.
Sobre Humana Fundación Pueblo para Pueblo
Humana Fundación Pueblo para Pueblo promove desde 1987 a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e leva a cabo programas de cooperación ao desenvolvemento en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España. Leva a cabo campañas de sensibilización en torno á importancia da reutilización e o reciclado de téxtil para a protección do medio ambiente e como fonte de recursos para a cooperación nos países do Sur. Conta con máis de 550 empregados e forma parte da Federación Humana People to People, que agrupa a organizacións de 30 países.
Fonte e imaxe: Humana
Departamento de comunicación
Juan Carlos Montes
93 840 21 82 - 649 055 818
joancarles.montes@humana-spain.org
-------------------------------------
Rubén González
91 432 07 34 - 650 368 079
rubengonzalez@humana-spain.org
Twitter: @HumanaSpain