- Nairobi acolle esta semana a cuarta Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, na que se deron cita máis de 4.700 xefes de estado, ministros, líderes empresariais, altos funcionarios da ONU e representantes da sociedade civil.
- Na axenda a debater atópanse desafíos de calado tales como a adopción de patróns de consumo e produción máis sostibles, a redución do desperdicio alimentario, a protección dos ecosistemas mariños da contaminación por plásticos e a promoción da innovación tecnolóxica para loitar contra o cambio climático.
- O presidente da Asemblea, á súa vez ministro de Medio Ambiente de Estonia, Siim Kiisler, manifestou que é o momento de actuar e, polo tanto, de crear as condicións axeitadas para construír sociedades máis prósperas e inclusivas que aborden os desafíos ambientais.
Cerceda, a 13 de marzo de 2019.- Durante toda esta semana (do 11 ao 15 de marzo) celébrase en Nairobi (Kenia) a cuarta Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, nesta ocasión baixo o lema “Solucións innovadoras para os desafíos ambientais e a produción e o consumo sostibles”.
O evento aglutina a participación de máis de 4.700 xefes de estado, ministros, líderes empresariais, altos funcionarios da ONU e representantes da sociedade civil, que se reúnen precisamente co obxectivo de tomar decisións que impulsen economías máis sostibles e permitan conducir á sociedade cara a un futuro máis prometedor.
Na axenda a debater atópanse desafíos de calado tales como a adopción de patróns de consumo e produción máis racionais e sostibles, a protección dos ecosistemas mariños da contaminación por plásticos, a redución do desperdicio alimentario e a promoción da innovación tecnolóxica para loitar contra o cambio climático e reducir o uso de recursos, así como a perda de biodiversidade.
Non en van, as decisións adoptadas na Asemblea pretenden ter un profundo impacto no cumprimento do Acordo de París e a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, coa particularidade de que, nesta ocasión, se achandará o camiño cara ao Cume das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático 2019.
Joyce Msuya, Directora Executiva Interina de ONU Medio Ambiente, chamou a atención das nacións para que se impliquen ao máximo, poñendo de relevo que o que está en xogo é a vida e a sociedade, tal e como a maioría de nós a coñecemos e gozamos hoxe.
Apoia as súas verbas un informe de ONU Medio Ambiente para a Asemblea, que serve de base para a definición de problemas e o deseño dun plan de acción. O devandito informe cuantifica o valor dos servizos ecosistémicos perdidos de 1995 a 2011 entre 4 e 20 billóns de dólares estadounidenses, ademais de mostrar como as prácticas agrícolas exercen cada vez máis presión sobre o medio ambiente, cun custo estimado de 3 billóns de dólares por ano. Así mesmo, estima os custos relacionados coa contaminación en 4,6 billóns anuais.
Neste marco, o presidente da Asemblea, á súa vez ministro de Medio Ambiente de Estonia, Siim Kiisler, manifestou que é o momento de actuar e, polo tanto, de crear as condicións axeitadas para construír sociedades máis prósperas e inclusivas que aborden os desafíos ambientais.
ACTIVIDADES PARALELAS
O evento acollerá tamén o lanzamento de novas investigacións de ONU Medio Ambiente, incluíndo a última edición da única avaliación global sobre o medio ambiente “Perspectivas do Medio Ambiente Mundial 6 (GEO-6), producida por 252 científicos e expertos de máis de 70 países.
Pola súa banda, a Perspectiva dos Recursos Mundial do Panel Internacional de Recursos ofrece un balance da extracción de materiais, estimacións de futuro e recomendacións sobre como usar os recursos de forma máis sostible.
De forma paralela á Asemblea desenvólvense actividades e exposicións que propician a formación de alianzas e acordos entre os asistentes. Exemplo disto é a Exposición de Innovación Sostible, que actúa como un hub dos últimos avances científicos, con máis de 40 tecnoloxías e inventos en exhibición, ou ben o Cume One Planet, que se centra nos desafíos ambientais de África ou o Foro de Ciencia, Política e Negocio das Nacións Unidas, que lanzou iniciativas sobre o uso de big data, a aprendizaxe automatizada e as novas tecnoloxías ecolóxicas.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación