- FER E Repacar presentaron conxuntamente un informe no que se destaca a aportación do sector da recuperación a 12 dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.
Cerceda, a 1 de outubro de 2020.- A Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe (FER) e a Asociación Española de Recicladores Recuperadores de Papel e Cartón (Repacar) presentaron conxuntamente un informe gráfico no que poñen de relevo a destacada achega da industria da reciclaxe ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ( ODS) na conmemoración do seu quinto aniversario.
Alúdese de forma concreta á contribución desta industria a 12 dos 17 obxectivos fixados por Nacións Unidas.
En relación ao fin da pobreza, as empresas xestoras de residuos son pioneiras no desenvolvemento de negocios inclusivos, facilitando aos grupos sociais máis vulnerables unha contorna laboral igualitaria e garantindo uns salarios e unhas condicións de traballo dignos. Así mesmo, e no ámbito da saúde e o benestar, a correcta xestión do lixo contribúe á protección e mellora da contorna natural e da saúde das persoas.
Respecto da educación de calidade, o sector imparte formación específica para mellorar as competencias laborais dos empregados, á vez que promove proxectos de educación ambiental e fomenta a contratación de estudantes en prácticas e programas de formación.
No que se refire á enerxía asequible e non contaminante, o uso de materias primas secundarias fronte a materias primas virxes permite reducir o consumo enerxético. Así mesmo, a valorización enerxética dos residuos contribúe á obtención de enerxías asequibles e limpas.
Para o cumprimento do obxectivo de traballo decente e crecemento económico, o Convenio Colectivo sectorial garante que todos os traballadores conten cunhas condicións laborais axeitadas e unha retribución digna. As empresas xestoras de residuos crean postos de traballo directos e indirectos, sendo a súa contribución clave para o PIB.
En relación ao obxectivo sobre industria, innovación e infraestrutura, o investimento en I+D+i permite lograr unha maior eficiencia das plantas de tratamento e a produción de materias primas secundarias de calidade.
Para a redución da desigualdade, implantáronse plans de igualdade dentro das empresas para proporcionar trato e oportunidades igualitarias no ámbito laboral a todos os traballadores.
En canto ao obxectivo de produción e consumo responsables, o sector recuperador impulsa o emprego de materias primas secundarias fronte a materias primas virxes, que reduce as emisións de gases de efecto invernadoiro e o consumo enerxético. E, respecto á acción para o clima, a recuperación e a reciclaxe contribúe en gran medida á redución das emisións de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro.
Para o obxectivo de vida submarina, incídese en que a maior conciencia da cidadanía sobre os beneficios da reciclaxe e a correcta xestión dos residuos, evita que estes cheguen ás zonas costeiras, así como aos ecosistemas mariños e terrestres.
Sobre as alianzas para lograr os ODS, FER e Repacar destacan que unha estreita colaboración coas Administracións Públicas e as compañías privadas para potenciar e mellorar os sistemas de recuperación e reciclaxe de residuos, permite avanzar cara a un modelo económico circular
Fonte: Retema
Imaxe: Pixabay