- European Aluminium presentou o “Plan de Acción do Aluminio Circular”, onde se expón a estratexia do sector para alcanzar a circularidade económica en 2030.
- A organización destaca que o aluminio é, por natureza, circular e apto para ser reciclado múltiples veces sen perder nin sufrir unha diminución nas súas propiedades.
Cerceda, a 28 de setembro de 2022.- European Aluminium presentou o pasado mes de xullo o “Plan de Acción do Aluminio Circular”, onde expón a estratexia do sector para lograr unha economía circular en 2030, apostando por un futuro con menos residuos e menos emisións, é dicir, un futuro descarbonizado e circular.
Este plan ten por obxecto garantir que todos os produtos de aluminio, unha vez esgotada a súa vida útil, sexan recollidos e reciclados de maneira eficiente dentro de Europa. Con isto, ademais de todas as súas implicacións en materia de sostibilidade, maximizaranse as xa elevadas taxas de reciclaxe deste material dentro do noso continente, onde se manterá en uso activo.
Só desde 1990, o sector europeo do aluminio logrou unha redución do 55% das emisións directas de CO2. Neste sentido, a Asociación Española do Aluminio e Tratamentos de Superficie (AEA), que representa a máis de 600 empresas, reivindica que o sector teña un trato preferente no futuro industrial do noso país. A xuízo do seu presidente, Armando Mateos, “logrando un maior desenvolvemento da industria do aluminio, reduciremos a nosa dependencia de mercados exteriores e faranos menos vulnerables fronte á volatilidade de prezos, dificultade ou atraso nos transportes, ou complicacións nas subministracións, tal e como sucedeu nos últimos meses en todo o mundo e en múltiples sectores”.
No pasado, European Aluminium xa deixara patente o seu compromiso coa descarbonización a través da súa “Visión 2050”, onde describía as condicións necesarias para que o sector desenvolva todo o seu potencial. Dentro da proposta da UE para un Pacto Verde Europeo ou “Green Deal” que mitigue o cambio climático e evite as emisións de CO2, a circularidade xoga un importante factor. É por iso que AEA e European Aluminium buscan que a industria do aluminio aproveite toda a capacidade que ten como impulsor clave na consecución das ambicións de Europa cara a unha economía circular e climáticamente neutra.
MATERIAL 100% CIRCULAR
Ambas as dúas entidades lembran que o aluminio é, por natureza, circular e apto para ser reciclado múltiples veces sen perder nin sufrir unha diminución nas súas propiedades: dureza, lixeireza, condutividade, maleabilidade, durabilidade, impermeabilidade, resistencia ao paso do tempo e á corrosividade, capacidade de disipación da calor, etc. Indican igualmente que, no camiño por lograr unha economía verdadeiramente circular, tamén se crean novas e importantes oportunidades de crecemento empresarial dentro de Europa que deben ser aproveitadas.
Mateos asegura que “o sector do aluminio está máis que preparado para crecer desde a innovación e o compromiso ambiental. Nunca un momento como o presente nos dera tanto a razón como sector ao servizo do que a sociedade do presente pide para o futuro: unha industria innovadora, verde, circular, e que manufacture produtos sostibles”.
Fonte: AEA
Imaxe: Pexels