- EuRIC apunta a que se necesitan normas máis rigorosas sobre os envases compostables para poder comercializalos na UE e evitar así a confusión dos consumidores para non prexudicar os procesos de clasificación e reciclaxe de plástico
Cerceda, a 8 de maio de 2023.- Se ben a Confederación Europea de Industrias de Reciclaxe (EuRIC) apoia firmemente a proposta da Comisión de Regulamento sobre envases e residuos de envases (PPWR), o certo é que considera necesario superar certas barreiras e lagoas para un enfoque máis circular e garantir canto antes a reciclabilidade de todos os envases comercializados na UE.
Sobre a base dos criterios maduros de deseño para a reciclaxe (DfR) existentes, apunta a que se require un período de tempo estrito para o desenvolvemento e a aplicabilidade dos mesmos, así como a reciclabilidade a escala, precisándose igualmente de normas máis estritas sobre os envases compostables para poder comercializalos na UE. Segundo o proposto, as disposicións actuais enviarían unha mensaxe de clasificación pouco clara aos consumidores e interromperían o funcionamento dos procesos de clasificación e reciclaxe de plástico.
Como impulsor clave de máis envases circulares na UE, entende que os obxectivos obrigatorios de contido reciclado mínimo son fundamentais para o investimento e a estabilidade da planificación no sector da reciclaxe, mentres que as excepcións baseadas nos prezos ou a dispoñibilidade contradecirían a lóxica dos obxectivos vinculantes e obstaculizarían a transición cara a unha economía máis circular. Ao mesmo tempo, garantirase o logro dos obxectivos vinculantes mediante retos ambiciosos de recollida de envases do 80 % como mínimo para os distintos tipos de envases aplicables en todos os Estados membros para 2029.
Finalmente, EuRIC pide que se contemplen sólidas garantías para asegurar un mercado de xestión de residuos xusto e competitivo, evitando abusos de posicións dominantes a través do acceso preferente aos materiais e para lograr a transición a envases máis sostibles ao mellor custo posible para os consumidores.
Fonte e imaxe: EurRIC