- O fin último é que todos os produtos de aluminio, unha vez esgotada a súa vida útil, se recollan e reciclen de xeito eficiente no continente europeo a fin de incrementar ao máximo as taxas de recuperación deste material e lograr a súa plena circularidade.
- Se ben as porcentaxes de reciclado do aluminio xa figuran entre as máis altas de todos os materiais, aínda hai marxe de mellora. Co marco político axeitado, o 50% da demanda de aluminio en Europa podería ser abastecida a través da reciclaxe postconsumo para 2050, reducindo as emisións de CO2 e a dependencia das importacións.
Cerceda, a 28 de abril de 2020.- European Aluminium, entidade que representa á industria europea do aluminio, lanzou o seu Plan de Economía Circular co horizonte posto no ano 2030 coa pretensión de que todos os produtos de aluminio, unha vez esgotada a súa vida útil, se recollan e reciclen de xeito eficiente no continente europeo. O fin último é incrementar ao máximo as taxas de reciclaxe deste material e lograr a súa plena circularidade, manténdoo en uso activo.
Este sector ten un gran potencial como impulsor clave para lograr as ambicións climáticas de Europa e un papel indiscutible no Pacto Verde europeo. O aluminio é, por natureza, circular e apto para a reciclaxe múltiple, é dicir, pode ser reciclado unha e outra vez sen perder as súas propiedades orixinais (lixeireza, condutividade, conformabilidade, durabilidade, permeabilidade), coa particularidade de que o proceso de reciclaxe require só o 5% da enerxía necesaria para producir o metal primario, o que supón un importante aforro de emisións de CO2.
UN DOS MATERIAIS MÁIS RECICLADOS
As taxas de reciclaxe do aluminio xa se sitúan entre as máis altas de todos os materiais, superando o 90% nos sectores europeos da automoción e a construción e alcanzando o 75% nas latas de bebidas.
Con todo, as previsións e a análise do plan de acción mostran que aínda hai grandes oportunidades por diante. Co marco político axeitado, o 50% da demanda de aluminio en Europa podería ser abastecida a través da reciclaxe postconsumo para mediados de século, logrando unha redución das emisións de CO2 de ata 39 millóns de toneladas por ano para 2050 en comparación coa actualidade.
Ao aumentar as taxas de reciclaxe, Europa tamén pode reducir a súa dependencia das importacións e, polo tanto, a súa exposición ao risco de interrupcións na subministracións.
Fonte: European Aluminium
Imaxe: Pixabay