- Considera que substituír as materias primas extraídas por materiais reciclados trae beneficios ambientais significativos que non se internalizan nos prezos, aínda que con frecuencia son o factor máis importante nas eleccións dos consumidores e a contratación pública
Cerceda, a 10 de xullo de 2023.- A Confederación Europea de Industrias da Reciclaxe (EuRIC) reitera o seu firme apoio aos incentivos económicos como unha ferramenta de peso para propiciar a transición cara a unha economía circular e climaticamente neutra. É por isto que acolle con satisfacción a proposta realizada pola República Checa ao Consello a fin de explorar taxas de IVE máis baixas para produtos elaborados con materiais reciclados.
EuRIC considera que substituír as materias primas extraídas por materiais reciclados trae beneficios ambientais significativos e comprobados, tanto en termos de eficiencia de recursos como de aforro de enerxía e clima. Estes beneficios ambientais non se internalizan nos prezos, aínda que a miúdo son o factor máis importante nas eleccións dos consumidores e a contratación pública. Polo tanto, defende que os incentivos fiscais en forma de taxas de IVE máis baixas teñen un papel importante para recompensar mellor os beneficios ambientais e estimular as opcións dos consumidores ao aumentar a competitividade dos prezos dos produtos sostibles.
Emmanuel Katrakis, secretario xeral de EuRIC, asegura que "é fundamental considerar os incentivos fiscais como facilitadores clave para a transición cara a unha economía máis circular e climáticamente neutra", ao que engadiu “A solicitude formal da República Checa ao Consello para que examine a posibilidade de reducir o tipo do IVE sobre os produtos que utilizan materiais reciclados é un primeiro paso moi positivo. De feito, é necesario garantir que as normas fiscais a nivel nacional e da UE estean en consonancia cos obxectivos do Green Deal, que a miúdo non é o caso".
EuRIC agarda traballar nesta cuestión coa Presidencia española do Consello, os Estados membros e as institucións da UE, xa que introducir taxas reducidas do IVE para produtos con contido reciclado estimulará a reciclaxe e complementará as medidas regulatorias introducidas para diferentes fluxos de residuos.
Fonte e imaxe: EuRIC