- Deste xeito, a Asociación Española do Aluminio pretende informar aos cidadáns sobre as bondades deste material por ser 100% reciclable e non perder cualidades durante o proceso de transformación, consumindo tan só o 5% da enerxía que se precisaría para producir aluminio primario.
Cerceda, a 9 de outubro de 2020.- O pasado mes de setembro, a AEA (Asociación Española do Aluminio, que representa a máis de 600 empresas do sector), lanzou unha campaña que, baixo o lema “Infinitamente reciclable”, pretende divulgar as vantaxes do aluminio, un material 100% reciclable, que non perde cualidades durante o proceso de transformación e que só consome o 5% da enerxía que se precisaría para producir aluminio primario.
Nos seus moitos e diferentes formatos, o aluminio está considerado o metal do futuro, resultando clave no desenvolvemento da economía circular para sectores industriais e de consumo tan habituais como o da arquitectura e a construción, a automoción e o transporte, a alimentación, o sector tecnolóxico, eléctrico, electrónico ou agrícola, entre outros.
Trátase dun material sostible e ecolóxico, que contribúe á eficiencia enerxética dos edificios e construcións, en contraposición a outro tipo de materiais. Jon de Olabarria, Secretario Xeral da AEA, sinala que “Por iso, o aluminio é o material ideal para o marco das fiestras das vivendas, dado que contribúe á eficiencia enerxética dos edificios e a que cada vez máis normativas e estándares actuais da construción valoran e premian aspectos da edificación alcanzables con solucións en aluminio”.
Así mesmo, e dado o contexto sanitario tan complicado que atravesamos pola pandemia do COVID-19, desde a AEA tamén se reivindica como un dos materiais preferentes para ámbitos como o da sanidade.
Todo isto, e moito máis, avala e demostra, segundo o Secretario Xeral da Asociación, “que o do aluminio é un sector que fixo grandes avances nos últimos anos e que, polo tanto, xa está preparado para afrontar os novos retos do futuro a nivel medioambiental”.
Fonte: Xestores de Residuos
Imaxe: Pixabay