- A sexta edición desta campaña desenvolveuse entre os días 17 e 25 de setembro e mobilizou, só en Galicia, a máis de 600 voluntarios, o dobre que o ano pasado
- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colabora desde o ano 2017 neste programa, que se enmarca no proxecto Libera, impulsado por SEO/BirdLife e Ecoembes para concienciar sobre a basuraleza e reducir o lixo en espazos naturais
Cerceda, a 11 de outubro de 2022.- A última acción enmarcada na iniciativa de ciencia cidadá 1m2 polas praias e os mares, saldouse en Galicia coa recollida e caracterización de máis de 2.200 residuos localizados en distintos puntos do litoral.
A sexta edición desta actividade, enmarcada no chamado proxecto Libera, mobilizou na Comunidade a máis de 600 persoas voluntarias que participaron nas accións de recollida de residuos organizadas nun total de 27 puntos da costa galega entre o 17 de setembro —coincidindo co Día Internacional de limpeza de praias— e o 25 dese mesmo mes.
Algunhas das zonas nas que se programaron batidas de limpeza en Galicia foron a illa de Ons, no Parque Nacional das Illas Atlánticas, as praias de Baldaio, Bastiagueiro ou Doniños, ou o río Mero, entre outros.
A partir de todo o lixo recollido na Comunidade no marco de 1m2 polas praias e os mares, os voluntarios realizaron un labor de caracterización posterior que, entre outras conclusións, permitiu identificar que as bolsas, as cabichas e os fragmentos de papel son, por esta orde, os tipos de residuos máis abundantes.
Cómpre lembrar que o proxecto Libera, impulsado por SEO/BirdLife e Ecoembes, naceu para concienciar á cidadanía sobre a basuraleza e animala a mobilizarse ante este problema ambiental, promovendo accións periódicas de ciencia cidadá por todo o país.
A Xunta sumouse por primeira vez a esta iniciativa en 2017 e desde entón, vén apoiando as sucesivas campañas que se organizan en diferentes espazos naturais, como a que nesta ocasión puxo o foco sobre o coidado de contornas costeiras e zonas fluviais e que permitiu retirar 7,1 toneladas de residuos dun total de 279 puntos costeiros distribuídos por todo o país.
De feito, Galicia é unha das comunidades máis implicadas en Libera e o nivel de participación nas actividades colaborativas que se organizan ao longo do ano é cada vez maior. Así o demostran os máis de 600 voluntarios que participaron nas recollidas promovidas o pasado mes de setembro, unha cifra que duplica á de 2021.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda