- Así o expuxo o seu presidente, Javier Domínguez, nunha xornada técnica sobre residuos que tivo lugar na Comunidade de Baleares e á que foi convidado polo Consell Insular d'Eivissa
- Durante a súa alocución, lamentou que a media de uso do vertedoiro en España se sitúe na contorna do 50%, e mostrouse satisfeito de que Sogama fose quen de reducir a vertedura directa en case un 100% desde o ano 2008
- Así mesmo, explicou o novo plan estratéxico da entidade para o período 2024-2030, que pivota sobre a economía circular, a dixitalización, a innovación, a descarbonización dos procesos e a maior profesionalización do sector
Cerceda, a 26 de febreiro de 2024.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, viaxou en días pasados á Comunidade de Baleares, convidado polo Consell Insular d'Eivissa, para participar nunha xornada técnica sobre residuos, onde compartiu mesa con representantes (políticos e técnicos) doutras comunidades.
No transcurso da súa intervención, Domínguez Lino explicou os pormenores do sistema Sogama, tanto desde a dimensión industrial e económica, como desde a social e educativa, subliñando que o labor desta empresa pública non é só tratar residuos, senón poñelos en valor mediante a súa reciclaxe, no caso daqueles que reúnan os requisitos para ser recuperados por esta vía, ou mediante a súa valorización enerxética, reservada para os non reciclables. Deste xeito, a compañía consegue evitar que esta fracción acabe soterrada en vertedoiro e se extraia da mesma a enerxía eléctrica suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Así mesmo, defendeu o carácter integral da xestión de Sogama, acorde coa pirámide xerárquica europea, ao promover, en primeira instancia, a prevención e redución da produción de refugallos, seguida pola reutilización dos produtos para alongar a súa vida útil e, por suposto, a reciclaxe, mediante a correcta separación dos materiais en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes. De aí os continuos programas e campañas promovidos pola entidade, que orienta a diversos públicos co obxectivo de que a xestión de residuos en Galicia sexa cada vez máis sostible e circular.
Pola súa banda, lamentou que a media de uso do vertedoiro en España se teña perpetuado na contorna do 50%, cando é o último elo na cadea debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde das persoas, mostrándose satisfeito de que Sogama fose quen de reducir a vertedura directa en case un 100% desde o ano 2008.
En sintonía co Pacto Verde Europeo
Aludiu igualmente ao novo plan estratéxico de Sogama para o período 2024-2030, que pivota sobre a economía circular, a dixitalización, a innovación, a descarbonización dos procesos industriais e a maior profesionalización do sector, consciente a compañía de que o capital humano constitúe unha peza fundamental para abordar un dos máis importantes desafíos aos que se enfronta a humanidade: a loita contra o cambio climático.
En todo caso, trátase dun plan perfectamente aliñado co Pacto Verde Europeo, cuxo obxectivo é situar á UE no camiño cara a unha transición ecolóxica que permita alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050.
Saúdos, Departamento de Comunicación