- Terá lugar en Rímini (Italia) do 5 ao 8 de novembro, alcanzando a edición número 23.
- O evento congregará a todos os sectores da economía circular nunha plataforma única na que cobrará protagonismo a recuperación dos materiais e a produción e uso racional da enerxía como ingredientes de peso no desenvolvemento sostible.
- Á súa vez ,a feira Key Energy alcanzará a súa 13ª edición, dando cobertura aos distintos sectores da eficiencia enerxética, prestando especial atención ás enerxías renovables (eólica, solar e fotovoltaica).
Cerceda, a 14 de marzo de 2019.- Ecomondo, a feira referente da economía verde no Mediterráneo regresa coa que será a súa 23ª edición, que terá lugar do 5 ao 8 de novembro na cidade de Rímini (Italia).
O evento, cun marcado carácter innovador, reunirá a todos os sectores da economía circular nunha plataforma única na que cobrará protagonismo a recuperación dos materiais e a produción e uso racional da enerxía como ingredientes de peso no desenvolvemento sostible.
Así mesmo, divulgaranse as últimas tendencias en tecnoloxías e maquinaria para o tratamento de residuos, equipos e vehículos de recollida e transporte, sistemas de contenerización e modelos de ecodeseño.
Neste marco, darase cobertura ás novas prioridades lexislativas en materia ambiental, á capacitación en economía circular e, por suposto, á emerxente industria 4.0 e a súa implementación en distintos territorios.
Á súa vez, a feira Key Energy, alcanzará a súa 13ª edición. Referente na sostibilidade enerxética, aglutinará aos sectores da eficiencia enerxética, prestando especial atención ás enerxías renovables tales como a eólica, solar e fotovoltaica.
Na súa última edición, o evento congregou a máis de 100.000 visitantes, poñendo a disposición dos interesados 100.000 metros cadrados de espazo expositivo.
Os preceptos da economía verde e circular serán desgranados a través da presentación de produtos innovadores, actividades e exposicións que, ademais, erixiranse nunha oportunidade para un maior coñecemento, para o intercambio de experiencias, para novas vías de colaboración e, por suposto, para novas oportunidades de negocio e creación de emprego.
Información adicional en www.ecomondo.com e www.keyenergy.it, así como en www.deker.es, representantes da feira en España.