- Técnicos de Sogama impartiron recentemente un curso sobre compostaxe doméstica no que explicaron os pormenores desta técnica e solventaron as preguntas formuladas polo público.
- Os asistentes tamén recibiron manuais de apoio nos que se detallan os pasos a seguir para a obtención dun compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa.
Cerceda, a 10 de marzo de 2022.- Recentemente, integrantes das Asociacións Veciñais de Ourense recibiron un curso de formación impartido por técnicos de Sogama na autoxestión da materia orgánica.
O obxectivo era instruílos nos pormenores da compostaxe doméstica e os pasos a dar para que os participantes neste programa obteñan, a partir dos restos orgánicos, un abono natural de alta calidade que cumpra cos requisitos esixidos pola lexislación vixente e que, polo tanto, poidan aplicar na agricultura e xardinería con garantías. Desta forma, o compost resultante regresará á terra para dar unha nova vida a plantas e cultivos, constituíndo todo un exemplo de economía circular e de sustentabilidade.
Ata o de agora, e a través da Concellería de Medio Ambiente, a empresa pública entregou no municipio de Ourense 500 composteiros, con capacidade para 390-400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para ser colocados noutras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de horta, xardín e/ou terras de cultivo.
BENEFICIOS
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta fracción se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor convencional, logrando con isto importantes beneficios: ambientais (redución das emisións de CO2 á atmosfera), económicos (diminución do importe da factura a pagar a Sogama pola xestión e tratamento da bolsa negra) e sociais (recuperación dunha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos refugallos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost).
Durante a xornada, explicouse aos asistentes a operativa a seguir e as súas fases: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben (e non deben) depositarse no mesmo. Igualmente, insistiuse na gran importancia que ten o control de parámetros craves tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O encontro tamén foi aproveitado para repartir entre os asistentes manuais didácticos de apoio cos que reforzar coñecementos e dar resposta ás preguntas máis frecuentes. Adicionalmente, os interesados tamén teñen á súa disposición o sitio web www.compostaconsogama.gal.
A concellería de Medio Ambiente levará a cabo un seguimento desta iniciativa para avaliar a súa acollida, así coma o grao de implicación e satisfacción dos participantes.
Saúdos, Departamento de Comunicación