
-
Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez, correspondente ao boletín informativo corporativo do mes de maio
Dixitalización, innovación, intelixencia artificial, robotización, etc., son ingredientes básicos que as compañías deben cociñar coas súas propias receitas para facer fronte aos retos do futuro, condicionados pola tripla crisis climática que nos tocou vivir e que necesariamente debemos abordar desde a máxima cooperación institucional, empresarial e social.
O escenario climatolóxico a nivel mundial non invita ao optimismo, e a comunidade internacional non cesa de chamar a atención sobre un fenómeno que condicionará, non só o noso propio benestar e o das xeracións vindeiras, senón a propia existencia humana.
Así as cousas, o plan estratéxico de Sogama 2024-2030 concibiuse tendo en conta o contexto global, pois esta Sociedade pública non é, ni debe ser, allea ás consecuencias dos conflitos bélicos, ás tensións internacionais e ás decisións políticas, toda vez que, nun sentido ou noutro, acaban afectando á súa xestión.
A planificación desta entidade toma forma desde a súa visión histórica, a súa evolución ao longo do tempo e, por suposto, desde os condicionantes normativos actuais e unhas proxeccións de futuro cada vez máis incertas ante os constantes vaivéns dun Goberno central sen folla de ruta.
Dito isto, somos conscientes de que a incorporación de tecnoloxías intelixentes á nosa actividade industrial resultará clave para propiciar unha maior recuperación de materiais e un maior reciclaxe, así como para a descarbonización dos procesos, logrando deste xeito unha xestión circular na que os residuos sexan convertidos en novos recursos e na que o labor de Sogama sexa sostible desde a dimensión económica, ambiental e social.
E, se ben a intelixencia artificial será unha peza esencial neste camiño que temos iniciado, non debemos esquecer o potencial humano, o maior tesouro de calquera entidade.
Nesta carreira de fondo, priorizamos tamén unha maior profesionalización do persoal adscrito á nosa infraestrutura industrial, esencial para dotar a Galicia do mellor modelo de xestión e tratamento de residuos municipais. Así, e en colaboración coa firma PreZero, empresa xestora da planta de clasificación de envases lixeiros, localizada no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), apostamos pola implantación das denominadas “Unidades de Competencia”, un sistema pioneiro de formación y avaliación de habilidades, integrado na formación dual, que está demostrando ser un interesante catalizador para o crecemento e a excelencia no sector industrial, xa que, a través do mesmo, os traballadores poderán obter titulacións relativas a distintas familias profesionais.
Os beneficios desta acción son múltiples: maior crecemento persoal, maior produtividade, maior satisfacción do traballador, maior autoestima, maior compromiso cos obxectivos da empresa e, polo tanto, maior eficiencia da instalación. En definitiva, persoal altamente cualificado para dirixir máquinas.
Presidente
Javier Domínguez Lino