- Un equipo de científicos desenvolveu unha película transparente a base de xelatina derivada das escamas de peixe como unha alternativa prometedora ao plástico no campo da electrónica flexible.
Cerceda, a 26 de marzo de 2020.- Dentro das pantallas electrónicas, os compoñentes condutores de electricidade e emisores de luz colócanse en capas sobre unha película transparente. Para que sexan o suficientemente flexibles e poidan permanecer sobre a pel ou outras superficies blandas, ata o de agora viñéronse utilizando películas de plástico, material derivado de combustibles fósiles e con carga contaminante.
Neste marco, levouse a cabo un traballo de investigación coa pretensión de atopar un material máis sostible e respectuoso co medio ambiente. Apostouse así pola xelatina derivada do coláxeno das escamas de peixe, que normalmente se refuga. A partir da mesma, desenvolveuse unha película transparente como alternativa prometedora ao plástico, obtendo así un compoñente máis respectuoso co medio ambiente e procedente dun recurso abundante e biodegradable.
Logo de preparar unha solución de xelatina a partir das escamas de peixe, os científicos vertéronna nunha placa de petri que actuou como molde para a película mentres se secaba. Nas probas descubriron que a película tiña os atributos necesarios para o seu uso en dispositivos portátiles, incluíndo a flexibilidade e a transparencia. A película disolvíase en segundos en auga quente e ata podía ser reciclada nunha nova película. Cando se enterrou no chan, degradouse en 24 días.
O equipo utilizou finalmente a película para construír un dispositivo electroluminiscente de corrente alterna que seguiu brillando ata logo de ser dobrado e estirado 1.000 veces.
Segundo os responsables do traballo, as películas derivadas das escamas de peixe son unha alternativa prometedora para unha electrónica flexible máis sostible, incluíndo prendas de vestir e pantallas plegables.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay