- Terá lugar nas instalacións da Universidade do Minho, institución que exerce o liderado deste proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal.
- Enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o obxectivo de Res2ValHum é poñer en valor a materia orgánica e evitar o seu vertido, ademais de estudar outras aplicacións para o compost que vaian máis aló do seu uso como fertilizante.
- Sogama, en calidade de socio, desenvolveu diversas actividades de carácter didáctico e divulgativo, entre as que cabería destacar a celebración de dous workshops.
Cerceda, a 4 de outubro de 2019.- O director xeral de Sogama, Isidro García Téllez, viaxará a próxima semana a Braga (Portugal) para asistir á que será a sétima reunión do Comité de Dirección do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal “Res2ValHum”.
Enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, cabe recordar que este proxecto ten por obxecto promover a compostaxe como ferramenta de xestión para os residuos urbanos, poñendo en valor a utilización do compost resultante en aplicacións diversas e reducir así o seu vertido.
A pretensión desta iniciativa é transformar os residuos orgánicos en materia prima para a elaboración de fertilizantes biolóxicos de alta calidade e remediación de solos contaminados, ademais doutros posibles usos vinculados á cosmética e accións terapéuticas, xerando produtos de gran valor engadido que poderían abrir a porta igualmente a novas áreas de negocio e emprego.
O encontro, que terá lugar o próximo 9 de outubro na sede da Universidade do Minho, institución que exerce o liderado de Res2ValHum, contará coa participación de representantes das entidades socias: Lipor, CVR e Braval, por parte de Portugal; e a Universidade de Santiago de Compostela, a firma CVAN e Sogama, por parte de Galicia.
No transcurso da reunión farase un balance do traballo realizado desde a perspectiva administrativa-financeira, así como técnico-científica, definindo e concretando os labores pendentes de realizar por cada socio antes de que o proxecto chegue ao seu fin, que será en decembro de este mesmo ano.
Entre outras actividades, Sogama levou a cabo un intenso labor didáctico e divulgativo que plasmou en diferentes recursos tales como un vídeo sobre compostaxe, na súa versión industrial e doméstica, contidos de formación online, un xogo interactivo para escolares, un conto infantil, un manual de compostaxe e dous workshops celebrados en Galicia: o primeiro deles en Vigo, en outubro de 2018, baixo o título “Pechando o círculo da reciclaxe da materia orgánica: presente e futuro”, e o segundo, o pasado mes de xullo, nas dependencias desta empresa pública en Cerceda coa denominación “A compostaxe a escala local: compartindo experiencias”.
En ambos casos, con gran afluencia de público e relatorios de alto nivel a través das cales se desgranou a compostaxe nas súas distintas dimensións, tanto desde a científica como desde a ambiental, económica e social.
Saúdos, Departamento de Comunicación