- A través deste encontro, que leva por título “Zero pollution society: citizens & industry to climb on a circular strategy”, tentarase responder a unha serie de cuestións vinculadas á economía circular, dando conta de proxectos exemplares neste ámbito.
- A intervención do director xeral de Sogama terá lugar no primeiro bloque da xornada, denominado “Xestión de residuos e economía circular. Perspectivas desde diferentes sectores”.
Cerceda, a 8 de xuño de 2021.- O director xeral de Sogama, Isidro García Téllez, participará mañá, 9 de xuño, nunha xornada virtual que, baixo o título “Zero pollution society: citizens & industry to climb on a circular strategy” (Unha sociedade sen contaminación: cidadáns e industria apostando pola economía circular), promove Feuga (Fundación Empresa Universidade Galega) no marco da EU Green Week.
A través deste encontro tentarase dar resposta a unha serie de cuestións sobre como xestionan os residuos diferentes sectores, como contribúen os proxectos CONSERVAL, ECOVAL e CIGAT Biofactoría á transición cara a un modelo de economía circular, e que retos enfrontan os proxectos de innovación para a súa implantación e transferencia.
A intervención de García Téllez terá lugar no primeiro bloque da xornada, denominado “Xestión de residuos e economía circular. Perspectivas desde diferentes sectores”, compartindo panel con Leticia Regueiro, responsable de Sostibilidade e Economía Circular en Anfaco Cecopesca; Miguel A. Tubío, director técnico de Adegas Martín Códax; e Carolina Ibáñez, xerente de Desenvolvemento Ambiental de Repsol.
Acto seguido, e dentro do apartado de “Innovación ao servizo da economía circular. Transformar residuos en recursos”, contarase coas intervencións de Álvaro Silva, Project Manager Biofactoría e recuperación de recursos de Cetagua, quen dará a coñecer as liñas de recuperación de residuos no marco dos proxectos Conserval Poctep, Cigat Biofactoría e Ecoval Sudoe; Miguel Mauricio, pertencente a CRETUS- Biogrupo, da USC (Universidade de Santiago de Compostela); e Antón Taboada, Project Manager Biofactoría e recuperación de recursos de Cetaqua.
A xornada pechará cunha sesión dedicada á innovación e a sociedade, e que estará protagonizada por Alba Nogueira, catedrática de Dereito Administrativo da USC; Elena Andrade, profesora titular de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento, Grupo COSOYPA (USC); e Noelia Vilar, xerente de Innovación e Transferencia Tecnolóxica en FEUGA.
INNOVACIÓN AO SERVIZO DA ECONOMÍA CIRCULAR
Tanto ECOVAL como CONSERVAL e CIGAT Biofactoría, son proxectos exemplares no ámbito da economía circular ao converter os subprodutos e augas residuais da industria conserveira, así coma os residuos orgánicos urbanos e lodos de depuradora en produtos de alto valor engadido.
ECOVAL é un proxecto de cooperación transnacional cofinanciado no marco do programa Interreg Sudoe 2014-2020 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Con socios de Francia, Portugal e España, o seu obxectivo é promover o modelo de biofactoría para obter bio-produtos de alto valor engadido a partir de lodos de depuradora e biorresiduos urbanos, replicable en toda a Unión Europea.
CONSERVAL é un proxecto colaborativo entre España e Portugal, cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, e cuxo labor se centra no desenvolvemento de tecnoloxías para a valorización de subprodutos e augas residuais do sector conserveiro en Galicia e o Norte de Portugal.
Pola súa banda, o traballo da Unidade Mixta CIGAT- Biofactoría, nada no marco da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3,) oriéntase a ampliar o alcance dos procesos depurativos, explorando solucións para o completo aproveitamento dos materiais presentes nas augas residuais, así como dos residuos asociados. O fin último é contribuír a unha economía circular con residuo cero.
Saúdos, Departamento de Comunicación