- O encontro, que leva por título “Valorización de residuos orgánicos: desafíos e oportunidades”, terá lugar o vindeiro mércores, 22 de maio, no auditorio da Central de Valorización Orgánica da empresa portuguesa Lipor.
- O directivo de Sogama dará a coñecer a experiencia da compañía no ámbito da compostaxe e exporá igualmente o proxecto de ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, co que a entidade alcanzará maiores cotas de reciclado e chegará en 2020 ao vertido técnico cero.
Cerceda, a 20 de maio de 2019.- O director xeral de Sogama, Isidro García Téllez, participará en Oporto, en calidade de relator, nun workshop internacional promovido por Lipor (Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto) no marco do proxecto europeo de cooperación transfronteriza Res2ValHum, cuxo obxectivo é poñer en valor a materia orgánica a través de distintas aplicacións, evitando con isyo o seu vertido.
O encontro, que leva por título “Valorización de residuos orgánicos: desafíos e oportunidades”, terá lugar o vindeiro mércores, 22 de maio, no auditorio da Central de Valorización Orgánica da empresa portuguesa.
A sesión de apertura correrá a cargo de Fernando Leite, administrador-delegado desta entidade, sendo un representante da Universidade do Minho, institución que lidera o proxecto Res2Valhum, o encargado de introducir a secuencia de intervencións desgranando os pormenores desta iniciativa (alcance, obxectivos e actividades desenvolvidas ata o de agora).
Acto seguido, será o directivo de Sogama, compañía que participa neste proxecto en calidade de socio, quen dará a coñecer a experiencia desta entidade no ámbito da compostaxe. Non en van, desde fai anos lidera un programa de compostaxe doméstica no que participan preto de 300 entidades, entre concellos, centros escolares e colectivos sociais, tendo repartido entre a mesmas 10.300 compostadores e asumindo igualmente diversas tarefas de formación e divulgación entre as que cabería destacar a impartición de cursos presenciais destinados aos usuarios e a edición de material didáctico, contando así mesmo cunha páxina web www.compostaconsogama.gal, na que os interesados poden atopar información de utilidade, ademais de múltiples recursos (vídeos, xogos, contidos online, manuais, etc).
Así mesmo, García Téllez exporá o traballo realizado por Sogama dentro do Res2ValHum, destacando a edición e promoción de materiais divulgativos orientados a distintos públicos: desde técnicos municipais ata cargos políticos, docentes, escolares, universitarios e cidadáns en xeral.
Tamén aproveitará a ocasión para explicar o labor de Sogama en Galicia, así como o proceso de ampliación acometido no Complexo Medioambiental de Cerceda co fin último de incrementar a súa capacidade nun 81%, pasando de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, permitíndolle dar un tratamento óptimo aos residuos urbanos xerados polos 295 concellos galegos que utilizan os seus servizos ou, o que é o mesmo, a máis de 2.242.000 habitantes.
Adicionalmente, a ampliación propiciará que esta empresa pública aumente a súa achega á reciclaxe, multiplicando por cuatro as súas cifras de recuperación, e chegue en 2020 ao vertido técnico cero (10%), é dicir, que só se desviará a vertedoiro aquela fracción dos residuos que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente.
Así as cousas, a mediados de ano, e unha vez concluído o proxecto de ampliación, o complexo cercedense erixirase no máis moderno, innovador e eficiente na súa modalidade a nivel europeo, sendo ademais punto de referencia para o resto do mundo.
Na segunda parte da mañá, dous representantes de Lipor explicarán a estratexia de biodiversidade e estratexia de biorresiduos impulsadas por esta Sociedade, á vez que Irmgard Leifert, de European Compost Network, falará sobre o certificado de calidade de fertilizantes para o solo a partir de procesos de reciclaxe baseados na economía circular, mentres que Stefanie Siebert, da mesma organización, profundará na xestión dos biorresiduos desde unha perspectiva europea.
Durante a tarde, contémplanse visitas técnicas ás instalacións de Lipor e a diversas exposicións.
Saúdos, Departamento de Comunicación