- Se as condicións climatolóxicas acompañan, o evento terá lugar cara ao mediodía no parque acuático de Cerceda (A Coruña) e contará coa participación da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
- Farase entrega dos premios aos gañadores das distintas seccións de Ecovoz, incluíndo o especial Ecovaledor, que nesta ocasión recaeu no Instituto Xograr Afonso Gómez de Sarria.
- Culmina así outra edición de Ecovoz que dará paso a unha nova na que o programa cumprirá dúas décadas nas ondas.
Cerceda, a 19 de xuño de 2019.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, asiste este mediodía ao acto de clausura do espazo radiofónico Ecovoz, unha iniciativa de educación ambiental promovida por Radio Voz Galicia e que se achega aos 20 anos en antena vendo pasar a xeracións e xeracións de escolares que deixaron a súa impronta e, sobre todo, a súa ilusión en lograr unha maior protección ambiental que permita á sociedade avanzar cara un mundo mellor.
Se as condicións climatolóxicas acompañan, o evento terá lugar no parque acuático de Cerceda (A Coruña) e contará coa participación da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ademais doutras autoridades e, por suposto, os profesores e alumnos dos 16 colexios que participaron no tradicional concurso “O Ecopreguntoiro”, onde cada semana poñen a proba os seus coñecementos medioambientais na xestión sostible dos residuos urbanos.
O acto contempla a entrega de premios ás distintas seccións de Ecovoz. É o caso do galardón á mellor Ecofotografía e Ecovídeo, que foron para o CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo.
O alumno autor da primeira manifestou no seu momento que conseguir a instantánea, bautizada co título “Cabaliño do demo”, foi complicado, xa que se trata dun pequeno animaliño que se asusta facilmente e tivo que armarse de moita paciencia.
Baixo o título “Ameneiro”, a través do Ecovídeo os escolares carballeses narraron a historia do seu curso e o coñecemento do patrimonio natural como fórmula para conservalo; un labor de equipo do que se senten moi orgullosos e que lles permitiu profundar noutros valores tales como o compañeirismo e a empatía.
Así mesmo, haberá un recoñecemento específico para todos os colexios que participaron na edición 2019, recaendo o premio no CPR Manuela Rial Mouzo de Cee, quen confesaron a súa paixón pola radio e as posibilidades que entraña para transmitir mensaxes de calado.
Tamén se fará entrega do galardón Ecovaledor ao Instituto Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo), pola súa dedicación, entrega e excelente traballo realizado pola comunidade educativa a favor do medio ambiente, levando a cabo distintos proxectos a través dos cales se prima a orde e a limpeza, esenciais para o coidado da contorna e a boa convivencia.
Culmina así outra edición de Ecovoz que aglutina dúas décadas informando, formando, concienciando e sensibilizando sobre a necesidade de coidar o planeta no que vivimos cunha razón de peso: non hai outro.
Saúdos, Departamento de Comunicación