- O presidente de Sogama foi proposto para moderar a mesa redonda na que intervirán representantes políticos que asumen responsabilidades na xestión dos residuos
- Entre outras cuestións, a mesa abordará o cumprimento dos obxectivos europeos de reciclaxe, os sistemas de recollida selectiva, o financiamento e as taxas, así como as accións de educación e sensibilización da poboación
- Baixo o lema “A economía circular dos recursos: anticiparse ao futuro” este congreso terá lugar en Mataró os días 14 e 15 de novembro
Cerceda, a 9 de outubro de 2023.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi convidado a participar no Congreso internacional Recuwaste 2023, que terá lugar en Mataró (Barcelona) os próximos días 14 e 15 de novembro, alcanzando a súa sétima edición.
Baixo o lema “A economía circular dos recursos: anticiparse ao futuro”, este encontro bianual de profesionais da economía circular e os residuos está promovido polo Maresme Circular – Consorcio de Residuos do Maresme-, en colaboración con outras entidades, e no mesmo daranse a coñecer as principais novidades e avances do sector en distintos ámbitos tales como a crise de materiais, a enerxía e descarbonización, o téxtil, a industria 4.0 e a xestión de residuos, os residuos como recursos, as tecnoloxías de futuro para a descarbonización, as experiencias internacionais de prevención e reutilización de residuos, así como os instrumentos económicos na xestión de residuos municipais. Neste último caso prestarase especial atención aos novos impostos estatais á vertedura e á incineración recollidos na Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular, e que están a orixinar un gran impacto económico a empresas do sector, entes locais e cidadáns.
Mesa de representantes políticos
Domínguez Lino foi proposto para moderar, na xornada do día 15 de novembro, a mesa de representantes políticos que asumen responsabilidades na xestión dos residuos, contando coas intervencións de Luís José Rodríguez del Pozo, deputado e presidente do Consorcio de residuos de Málaga; José María Infante Olarte, director xeral de Calidade Ambiental do Gobierno da Rioxa e presidente do Consorcio de Augas e Residuos da Rioxa; e Isaac Peraire Soler, director da Axencia de Residuos de Catalunya.
Entre outras cuestións, a mesa abordará o cumprimento dos obxectivos europeos de reciclaxe, os sistemas de recollida selectiva, o financiamento e as taxas, así como as accións de educación e sensibilización da poboación.
Toda a información en https://recuwaste.com/
Saúdos, Departamento de Comunicación