
- O acto terá lugar este xoves, 13 de marzo, na sede de Caixa Fórum de Madrid, e no mesmo daranse a coñecer os principais datos deste estudo, que serán debullados en dúas mesas redondas posteriores
- Precisamente a primeira destas mesas “O compromiso, a creación de valor e a importancia do sector dos residuos en España”, estará moderada polo presidente de Sogama, contando coas achegas de representantes de FCC, GBI Paprec, Grupo Griñó e PreZero
Cerceda, a 11 de marzo de 2025.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participará este xoves en Madrid, concretamente na sede de Caixa Fórum, no acto de presentación dun informe que, baixo o título “O potencial económico do sector da xestión dos residuos en España”, promove a Fundación Fórum Ambiental co fin de achegar datos ao redor da contribución das actividades de xestión de residuos á economía española, así como identificar o potencial e as principais áreas de desenvolvemento económico do sector durante os próximos anos.
O director da Fundación, Leandro Barquín, será o encargado de explicar as principais liñas do estudo, que posteriormente será debullado en dúas mesas redondas. A primeira delas “O compromiso, a creación de valor e a importancia do sector dos residuos en España”, estará moderada por Javier Domínguez, e contará coas achegas de Marta Ciruana, directora xeral de GBI PAPREC; Miguel Torrente, director de Bioenerxía, Tratamento de Residuos e Enerxía de GRIÑÓ; Borja Martín, director de Negocio Público Norte de PREZERO; e Jordi Ferrando, director de Zona-Medio Ambiente de FCC.
Acto seguido será Paz Orviz, xerente de Cogersa, a encargada de moderar unha segunda mesa “A innovación, as tecnoloxías e o futuro da xestión dos residuos”, que terá como tertulianos a Pere Petit, COO Europe de Terberg International; Rafael Guinea, director xeral de tratamento de Urbaser; e Antonio Gutiérrez, director xeral de servizos urbanos en Valoriza.
A clausura do evento correrá a cargo de Jordi Hereu, ministro de Industria e Turismo.
Sáudos, Departamento de Comunicación