- O máximo responsable desta empresa pública participará o vindeiro xoves, 22 de febreiro, nunha xornada técnica sobre xestión de residuos que terá lugar na propia sede do Consell Insular
- En concreto, a intervención de Domínguez Lino enmárcase no bloque temático centrado no “Deseño e eficiencia nas instalacións de xestión de residuos”, compartindo mesa coa xerente do centro de tratamento de residuos de Andorra e o director da planta de SIRUSA, en Tarragona
Cerceda, a 20 de febreiro de 2024.- O vindeiro xoves, 22 de febreiro, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, participará nunha xornada técnica sobre xestión de residuos que terá lugar en Ibiza, concretamente na sala de plenos do Consell Insular d'Eivissa, e na que se abordarán, desde as experiencias reais de distintos territorios, as diversas estratexias de planificación e xestión de residuos municipais para o cumprimento das directivas europeas.
O primeiro bloque do encontro “Deseño e eficiencia nas instalacións de xestión de residuos” contará coa participación da xerente do Centro de Tratamento de Residuos de Andorra (CTRASA), Cristina Rico; o director da planta de SIRUSA e da Mancomunidade para a Xestión Integral dos Residuos Urbanos de Tarragona, Armengol Grau; e o propio presidente de Sogama, quen explicará ao auditorio a solución integral e circular que esta empresa pública representa para a xestión dos residuos municipais xerados en 295 concellos galegos (o 94% do total).
Esta primeira parte culminará cunha mesa redonda que moderará Carles Salesa, director do Consorcio de Residuos do Maresme, e que leva por título “Obxectivo 2030: limitación da vertedura de residuos municipais en depósitos controlados ao 10%”.
O segundo bloque pivotará sobre as estratexias municipais para a xestión eficiente dos residuos, e no mesmo intervirán a xefa de sección de Control de Calidade da Dirección de Prevención e Xestión de Residuos da Área Metropolitana de Barcelona, Gloria Sánchez; a directora de Residuos da Mancomunidade da Comarca de Pamplona, Carmen Lainez; e a xeógrafa e técnica de Medio Ambiente do Concello de Torrelles de Llobregat, Laia Peidro.
Unha mesa redonda moderada por Montse Ruiz, técnica de Medio Ambiente do Consell Insular d´Eivissa pechará o segundo bloque e porá o broche á xornada.
Saúdos, Departamento de Comunicación