-
Celebrarase o próximo 16 de maio en Santiago de Compostela (Edificio CINC da Cidade da Cultura)
-
A intervención do máximo responsable de Sogama terá lugar na mesa institucional “Situación actual, importancia da estratexia e compromisos de futuro”, onde estará acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, ademais de representantes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e da GAIN
Cerceda, a 8 de maio de 2024.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participará o próximo 16 de maio, en calidade de relator, na Xornada 'Economía Circular Inclusiva. Promoción da Economía Social no ámbito da Economía Circular', impulsada pola Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (CEGASAL) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), e que se celebrará en Santiago de Compostela, concretamente no Edificio CINC (Auditorio 2) da Cidade da Cultura.
O encontro, que conta co apoio de Viratec (Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular), está orientado fundamentalmente a empresas que traballan na economía social e/ou na economía circular e nutrirase coas achegas de expertos na materia, mesas redondas e presentacións sobre as mellores prácticas no sector.
Estreitando lazos entre economía circular e economía social
A colaboración entre a economía circular e a economía social, non só fomenta prácticas ambientais sostibles, senón que tamén propicia un crecemento económico inclusivo que pode traducirse en maior número de empregos e oportunidades para os grupos vulnerables (como é o caso de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión), á vez que potencia a innovación e o emprendemento para o desenvolvemento de negocios e procesos máis eficientes e sostibles.
Os obxectivos desta xornada pasan por promocionar o coñecemento sobre a economía circular, integrar a economía social como modelo empresarial clave, explorar como os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social e as Empresas de Inserción empregan a economía circular para fomentar a inclusión laboral de colectivos vulnerables, e estimular a creación de novas iniciativas e modelos de negocio que se aproveiten das vantaxes da economía circular e social para desenvolver solucións máis eficientes e sostibles.
A intervención do máximo responsable de Sogama terá lugar na mesa institucional “Situación actual, importancia da estratexia e compromisos de futuro”, que moderará Ana Botas, xerente de Viratec, e que compartirá con outros relatores tales como Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, ademais de representantes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e da Axencia Galega de Innovación.
O evento forma parte do programa de actuación 2023-2024 da Rede Eusumo, unha iniciativa da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, financiado polo Ministerio de Traballo e Economía Social.
Saúdos, Departamento de Comunicación