- O presidente de Sogama, que estivo acompañado polo alcalde e a concelleira de Educación da localidade, desprazouse esta mañá ao centro para felicitar persoalmente á comunidade educativa polo seu labor exemplar no eido da sustentabilidade
- O galardón consistiu nun diploma acreditativo e unha dotación económica de 700 euros para material didáctico e divulgativo
- Domínguez tivo verbas de recoñecemento para o alumnado e profesorado pola súa contribución á reciclaxe, e destacou moi especialmente a figura do director, Rafael Rodríguez Marín, pola súa implicación e colaboración
Cerceda, a 14 de xuño de 2022.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, desprazouse esta mañá ata o CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro de Cerceda (A Coruña) para facerlle entrega do terceiro premio correspondente ao concurso de carteis sobre reciclaxe, enmarcado no programa “Recíclate con Sogama” 2021-2022, e no que participaron 24 colexios de distintos puntos de Galicia.
Coas fotos de catro alumnos/as suxeitando residuos que deben ser reciclados, o centro cercedense chama a atención sobre a importancia de actuar para protexer o medio ambiente. A través do seu cartel, convidan aos cidadáns a activar os sentidos, a tomar conciencia da realidade, a superar o desinterese e a comodidade, e a pasar á acción para gañar a batalla ao cambio climático. Non en van, bautizaron o seu traballo co título “Non deixes que os residuos bloqueen os teus sentidos: observa, escoita, reivindica, móvete. Segrega!”
O galardón consistiu nunha dotación económica de 700 euros para investir en material didáctico e divulgativo, así como nun diploma acreditativo que recibiron de mans do máximo responsable de Sogama.
Domínguez agradeceu a implicación do CEIP Celso Emilio Ferreiro na educación ambiental e, máis concretamente, a súa participación na edición 2022-2023 do programa Recíclate con Sogama, que ten por obxecto instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas e formar ao alumnado no principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe). Deste xeito, os pequenos tamén poderán levar a cabo unha tarefa educativa e de concienciación na súa contorna social máis inmediato.
Pero, máis aló de felicitar ao alumnado e profesorado polo seu excepcional traballo, Javier Domínguez enxalzou, moi especialmente, a figura do director, Rafael Rodríguez Marín, así como o traballo desenvolvido pola docente coordinadora do programa no centro, Mª Teresa del Río Boquete.
O acto tamén contou coa presenza do alcalde da localidade, Juan Manuel Rodríguez, e a concelleira de Educación, Cristina Capelán.
AMPLIACIÓN COMPOSTAXE DOMÉSTICA EN CERCEDA
Pola súa banda, o Concello de Cerceda dou un novo paso no seu programa de compostaxe doméstica ao amplialo a 50 novas vivendas. Ao igual que en anteriores fases, Sogama foi a encargada de subministrar medio cento de composteiros para que as familias que voluntariamente participen nesta iniciativa, poidan elaborar o seu propio compost, recuperando deste xeito unha práctica tradicional no rural galego.
Con esta nova partida, e sumada a entregas anteriores, un total de 250 fogares cercedenses estarán adscritos a esta iniciativa, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
A autocompostaxe convive neste municipio coa recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón, que é tratada na planta de biorresiduos de Sogama para a súa transformación nun abono de alta calidade e apto para ser aplicado na agricultura e a xardinería con garantías e sen restricións.
Saúdos, Departamento de Comunicación