- Un grupo de escolares de 5ª de primaria, acompañados pola directora do centro, Esther Fernández, e dous docentes, viaxou a Cerceda para coñecer polo miúdo o labor desta empresa pública
- Alí tiveron un encontro co presidente da entidade, así como coa propia conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen destacou o papel dos escolares como verdadeiros embaixadores da reciclaxe, convencida de que axudarán, e moito, mesa tarefa de formación e concienciación ambiental do conxunto da cidadanía
Cerceda, a 21 de marzo de 2023.- Con motivo da visita efectuada por medio cento de escolares de 5º de Primaria do CEIP Pintor Laxeiro de Vigo ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), onde se desprazaron para coñecer polo miúdo a actividade desenvolvida no mesmo, o presidente desta empresa pública, Javier Domínguez, que recibiu ao grupo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor o traballo incansable deste centro vigués na protección da contorna e o seu permanente compromiso coa educación ambiental do alumnado.
Non en van, Pintor Laxeiro é un dos colexios que participan cada ano no programa “Recíclate con Sogama”, demostrando en todo momento o seu gran interese en adentrarse e formar parte daquelas iniciativas estreitamente vinculadas á xestión sostible dos residuos e á economía circular. De feito, este centro xa foi recoñecido en varias ocasións con distintos premios a través dos cales se acreditou a alta calidade dos seus proxectos e iniciativas.
Neste sentido, o máximo responsable de Sogama referiuse á directora do colexio, Esther Fernández, como a verdadeira alma mater deste incansable traballo ambiental, poñendo en valor o seu inquebrantable espírito de cooperación a través da coordinación das tarefas, a impecable organización das mesmas e esa profesionalidade e complicidade que a fan única, posibilitando que o centro que dirixe alcance a excelencia.
Así mesmo, Javier Domínguez mostrouse especialmente satisfeito por que un centro como o Pintor Laxeiro de Vigo tivese a oportunidade de manter un encontro coa conselleira de Medio Ambiente e que esta puidese constatar os seus coñecementos na correcta xestión dos residuos a través da redución, a reutilización e a reciclaxe.
Ao respecto, Ángeles Vázquez manifestou a súa máxima confianza no bo facer dos escolares, aos que cualificou de verdadeiros embaixadores da reciclaxe, convencida de que axudarán, e moito, nese labor de formación, concienciación e sensibilización ambiental do conxunto da cidadanía.
SEMANA DA ADMINISTRACIÓN ABERTA
Cabe lembrar que esta visita do alumnado vigués ao Complexo industrial de Sogama enmárcase na celebración da Semana da Administración Aberta, unhas xornadas de participación social que organiza a Xunta para dar a coñecer o funcionamento do Goberno galego e da administración pública autonómica.
Saúdos, Departamento de Comunicación