- O presidente desta Sociedade participará no “I Encontro Estatal de Corporacións Públicas Empresariais”, que terá lugar en Baluarte, Pazo de Congresos e Auditorio de Navarra, o próximo 22 de xuño.
- O evento, que inaugurará a presidenta de Navarra, María Chivite, contempla relatorios e mesas de debate nos ámbitos político, de xestión e empresarial.
- Domínguez compartirá sesión co director de operacións de Correos, Eduardo Herrera; o director xerente de Nasuvinsa, Alberto Bayona; e a directora xerente de Tracasa Instrumental, Mar González.
Cerceda, a 16 de xuño de 2021.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi convidado polo Goberno de Navarra para participar no “I Encontro Estatal de Corporacións Públicas Empresariais”, organizado por CPEN (Corporación Pública Empresarial de Navarra), e que terá lugar en Baluarte, Pazo de Congresos e Auditorio de Navarra, o próximo 22 de xuño.
Nesta xornada daranse cita representantes institucionais e empresariais do ámbito público de sete Comunidades Autónomas, así como do sector público estatal, que compartirán e analizarán as súas experiencias desde distintas perspectivas.
Tal e como manifestou o director xeral de CPEN, Francisco Fernández Nistal, “móvenos o obxectivo de poñer en valor o labor que as sociedades públicas realizamos en favor do desenvolvemento territorial e social dos distintos territorios e, específicamente, o papel que as corporacións exercemos como garantes do bo facer e a sostibilidade do conxunto do sector público empresarial; máis se cabe neste escenario de reactivación económica e social que estamos a vivir”.
O encontro, que inaugurará a presidenta de Navarra, María Chivite, á súa vez presidenta do Consello de Administración de CPEN, contempla relatorios e mesas de debate nos ámbitos político, de xestión e empresarial.
Tras o primeiro relatorio, a cargo de Antonio Miguel Cervera, presidente de SEPIDES (Grupo Sociedade Estatal de Participacións Industriais), terá lugar un coloquio no que se contará coa intervención de tres conselleiras e un viceconselleiro de Economía de distintos gobernos autonómicos, os cales disertarán sobre a política económica e instrumentos de financiamento empresarial a disposición das Comunidades Autónomas.
Acto seguido, o director xeral de CPEN exporá unha análise comparativa da realidade das corporacións públicas empresariais existentes en España, cuxos máximos responsables debullarán o labor das mesmas e o seu papel no desenvolvemento rexional.
BOAS PRÁCTICAS EMPRESARIAIS DE CARÁCTER PÚBLICO
A intervención de Javier Domínguez terá lugar na sesión dedicada a exemplos de boas prácticas empresariais de carácter público, compartindo mesa co director de operacións de Correos, Eduardo Herrera; o director xerente de Nasuvinsa (sociedade pública de vivenda e urbanismo do Gobierno de Navarra), Alberto Bayona; e a directora xerente de Tracasa Instrumental (empresa pública de Navarra especializada na prestación de servizos no uso de información territorial e das tecnoloxías da información), Mar González.
O evento poderá seguirse presencialmente, previa inscrición ata completar aforo, ou ben a través da canle de Youtube de NSP.
Será Elma Saiz, conselleira de Economía e Facenda do Goberno de Navarra, a encargada de clausurar o encontro.
Máis información en www.sociedadespublicasdenavarra.es
Saúdos, Departamento de Comunicación