- Terá lugar no Pazo Provincial o próximo 14 de decembro, de 09:30 a 14:30 horas
- Baixo o título “A rede de infraestruturas para a compostaxe de biorresiduos no modelo de Sogama”, Domínguez Lino describirá o conxunto de instalacións postas en marcha para valorizar os residuos orgánicos, axudando aos entes locais a cumprir a lei
Cerceda, a 6 de decembro de 2023.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi convidado pola Deputación de Pontevedra para participar, en calidade de relator, no seminario “Retos das entidades locais na xestión de Residuos”, promovido polo ente provincial coa colaboración do Ceida, e que terá lugar o próximo 14 de decembro, de 09:30 a 14:30 horas, no Pazo da Diputación.
O obxectivo desta cita é revisar a normativa vixente en materia de residuos, profundar nas obrigacións das entidades locais para os próximos anos e dar a coñecer exemplos de boas prácticas na recollida eficiente de distintas fraccións de residuos.
Tralo acto inaugural, que estará presidido por Luis López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra, e Carlos Vales Vázquez, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), Juan José Pernas García, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, falará sobre os retos da normativa de residuos, e María Martínez Abraldes, xefa da sección de residuos da Deputación de Pontevedra, dará a coñecer a situación dos residuos na provincia. Pola súa banda, Susana Soto Fernández, pertencente ao equipo de Educación Ambiental do CEIDA, abordará o programa de educación, formación e divulgación ambiental no ámbito da xestión de residuos na provincia pontevedresa.
O relatorio de Javier Domínguez, que leva por título “A rede de infraestruturas para a compostaxe de biorresiduos no modelo de Sogama”, centrarase en describir o conxunto de instalacións que esta empresa pública puxo en marcha na provincia de Pontevedra, e resto de Galicia, para valorizar os residuos orgánicos mediante a súa transformación en compost, axudando desta forma aos concellos a dar debido cumprimento á lexislación vixente, que os obriga a instaurar a recollida diferenciada da materia orgánica antes do 31 de decembro do ano en curso.
A xornada culminará cunha mesa redonda na que se achegarán exemplos de boas prácticas na implantación da recollida eficiente de residuos, contando para isto coas achegas de entidades portuguesas, concretamente de Silvia Gomez Costa, concelleira de Medio Ambiente no municipio de Povoa de Varzim, e Henrique Silva, da División de Apoio á implementación de Proxectos Operativos de LIpor (Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto), así como da Mancomunidade da Comarca de Pamplona, representada por Ángel Álvarez Orallo, xefe de Recollida de Residuos.
Más información en www.ceida.org